Debuxo, cine e humor no Spin2016

Cine, debuxo e humor casan moi ben co empredemento. E así o demostra o Spin2016, que hoxe bota a andar cun programa de actividades culturais para que todos poidamos gozar do maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica.

Hoxe, ás 21:00 horas, teredes a oportunidade asistir ao Cinefórum Spin2016 no Teatro Principal. En colaboración con Curtocircuito, a  partir das 21:00 horas, proxectarase o making of da longametraxe de ciencia ficción Rendezvous, de Román Santiago e Guillermo Julián. Cun coloquio posterior con Román Santiago.

Mañá, martes 27 de setembro, contaremos con dúas novas citas. Ás 21 horas, segunda sesión do Cinefórum no Principal coa proxección da curta Eco, de Xacio Baño, mención especial do xurado do Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, con posterior coloquio co seu director.

A outra cita será ás 22 horas, cando teña lugar no Ateneo a primeira sesión das FuckUp Nights que terá lugar en Compostela. Nesta sesión, catro emprendedores "fracasados" contarán con humor como foron a pique e que aprenderon desa experiencia.

A axenda previa do Spin2016 rematará o 28 de setembro cun trepidante Combate de Debuxantes na Unitaria ás 21:30 horas. Como se ve o mundo dos negocios a través do pincel? Oito ilustradores enfrentaranse ao desafío de comunicar a través do debuxo conceptos do mundo da empresa... e algo máis. E ás 21:00 horas, última sesión do Cinefórum coa proxección de Leidi, de Simón Mesa, Palma de Ouro á Mellor Curta no Festival de Cannes 2014. Coloquio posterior con Simón Mesa.

Todas as actividades previas do Spin2016 son de balde, con acceso libre ata completar aforo.

Intercambio
Santiago de Compostela, 26 de Setembro de 2016
Spin2016
 

Foros

  • (1)