La Colmena, a triloxía inacabada

La colmena é unha das novelas indispensables da literatura española. Con más de 300 personaxes, a obra de Cela é un anaco da vida madrileña dos primeiros compases da posguerra. E tamén o primeiro tomo dunha triloxía ou tetraloxía. Ou polo menos así o concibiu o Premio Nobel cando comezou a súa escrita no ano 1945, que buscaba escribir unha serie baixo o título de Caminos inciertos e que nunca se chegou a completar.

A súa xestación foi complexa e a loita contra a censura, incansable. Así se recolle na mostra Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade, que pode visitarse no Museo Centro Gaiás ata o 19 de febreiro. A exposición mostra diferentes manuscritos desta novela que, durante a súa escrita, chegou a ter ata cinco títulos diferentes: Los clientes de María Domingo, Café europeo, Café La Delicia, La ciudad llagada e, finalmente, La colmena.

Escrita en 1945, Cela presentou La colmena ante a censura o 7 de xaneiro de 1946, recibindo a primeira negativa a súa publicación. Así llo contaba o escritor galego ao seu amigo Josep Janés por carta o 3 de xaneiro de 1947: “La famosa novela que la censura no hace más que tacharme una y otra vez se titulaba La colmena e iba en una serie, quizás trilogía, que llamaba Caminos inciertos. He leído trozos, con éxito y también con cierta indignación por parte de algunos, en el Museo de Arte Moderno y en las Galerías Bucholz, en Madrid, y con los dos primeros capítulos inauguré, hace 1 año, el curso en el Ateneo barcelonés”. A travesía foi longa e, polo camiño, Cela viuse na necesidade de emprender diversos proxectos como actor e pintor, ademais de publicar diferentes obras como Viaje a la Alcarria, os primeiros Apuntes Carpetovetónicos ou o libro Del Miño al Bidasoa.

La colmena vería finalmente a luz en 1951 pero tería que ser na diáspora, da man de Emecé Editores de Bos Aires. 

 

Exposicións
Santiago de Compostela, 26 de Xaneiro de 2017