Traballo en rede e interacción co público, receitas do FIEC

Traballo en rede, estreita relación coa comunidade na que se asenta e maior interacción co público. Estas foron as tres principais receitas cociñadas no I Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC), que durante tres días reuniu na Cidade da Cultura a elite das institucións culturais a nivel mundial. Tres alicerces que deben vir acompañados da incansable busca da excelencia, a necesidade de abrir a mente a calquera proposta e a preocupación por formar novos públicos.

Nun clima de diálogo constante, as tres intensas xornadas do FIEC deron para coñecer novas formas de ver o que hoxe entendemos como museo ou centro cultural. Así o fixo Allegra Burnette e un MoMA convertido en “museo 2.0”, con cadros que se poden ver no teléfono móbil, intervencións artísticas seguidas por streaming, galerías de imaxes tomadas polos propios visitantes ou audioguías con explicación xeradas e gravadas por escolares; ou Susan Sollins e Art21, onde a televisión deixa de ser un mero medio de difusión da arte para pasar a ser un produtor cultural.

Unha tendencia, a de ser produtores de contidos, na que afondou Natalio Grueso, director do Centro Niemeyer, quen tamén afondou na necesidade de traballar en rede para poder non só chegar máis lonxe, senón superar un tempo de crise que relega a cultura a un segundo plano. Combater esta tendencia debe ser un obxectivo das institucións culturais, tal e como sinalaron Bruno Assami, do Museu de Arte de São Paulo Assis Chauteaubriand (MASP); ou Josep Ramoneda, do Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB), quen chamou a fomentar o pensamento crítico entre a poboación.

O eido educativo estivo, de feito, moi presente no FIEC. Aínda que os departamentos de educación son un elemento común a todas as institucións e centros culturais presentes no Foro, especialmente destacables foron os casos presentados por Louise Jeffreys dende o Barbican –inmerso nun proceso de creación dun modelo de aprendizaxe das artes único a nivel mundial- e de Rui Vieira dende a Fundaçao Calouste Gulbenkian de Lisboa, con proxectos educativos que, ademais de potenciar a cultura, favorecen a cohesión social.

A innovación e a experimentación tamén tiveron cabida da man de Frank Madlener, do IRCAM, que na intervención máis filosófica do FIEC destacou a necesidade de unir ciencia e arte na creación artística a través da creación dun “prototipo”. E nun escenario como é a Cidade da Cultura, a arquitectura non podía faltar á cita. A “culpable” foi Sheryl Kolasinski, do Smithsonian, quen destacou o potencial dos edificios á hora de crear o que denominou “paisaxes culturais” cos que a poboación chega a identificarse e sentilas súas.

A necesidade de detectar aquilo no que unha comunidade sobresae para facelo a esencia dunha institución, así como os tipos de público aos que se dirixe foron outras das claves aportadas por Ramoneda e José Guirao, director de La Casa Encendida, respectivamente.
Un conxunto de reflexións e experiencias que están a disposición de todos vós no website do FIEC, a través dos vídeos de cada relatorio e dos resumos dispoñibles no blog.

Intercambio
Santiago de Compostela, 11 de Novembro de 2011