Xullo na Biblioteca de Galicia

A Biblioteca de Galicia convídavos este mes de xullo a mergullarvos na arte, a cultura e a literatura da man dun amplo programa de actividades cos que gozar grandes e pequenos. O centenario das Irmandades da Fala, o 150 aniversario de Valle-Inclán ou os textos para títeres na literatura galega centrarán algúns dos eventos que terán lugar durante o vindeiro mes.

A axenda de actividades ábrese do 11 ao 14 de xullo cun Obradoiro de Stop Motion, no que nenos de 7 a 11 anos crearán a súa propia película e darán vida aos personaxes que sempre imaxinaron. O obradoiro terá lugar os catro días ás 12:00 horas e a entrada é de balde previa inscrición.

Esa mesma semana, o mércores 13 de xullo, a Biblioteca homenaxea ás Irmandades da Fala cunha xincana familiar coa que viaxar ao pasado da man dos protagonistas esta época da historia de Galicia. Adultos e nenos poderán coñecer en primeira persoa todas as iniciativas culturais xurdidas ao redor das Irmandades da Fala a medida que superan probas e resolven unha misión conxunta. A actividade está recomendada para nenos a partir de 5 anos e a entrada é de balde previa inscrición

E dunha xincana a outra. Porque o 20 de xullo, probas, enigmas e xogos estarán dedicados a conmemorar o 150 aniversario de Valle-Inclán. Os participantes achegaranse a contidos culturais e artísticos relacionados co Esperpento teatral de Valle ­Inclán, xénero literario acuñado e creado por este xenio da literatura. Explicaranse, dunha forma lúdica, as características fundamentais do xénero esperpéntico para que os participantes entendan a súa significancia e intencionalidade: o carácter satírico, de burla e caricatura; a cousificación e animalización; a crítica social; a exploración do lado cómico das cousas tráxicas da vida... Ao igual que a xincana das Irmandades da Fala, a xincana está recomendada a partir de 5 anos e a entrada é de balde previa inscrición

A última das actividades culturais previstas pola Biblioteca de Galicia para este mes será o obradoiro Textos para títeres na literatura galega, que terá lugar o 27 de xullo ás 18 horas. Pensado para maiores de 16 anos, este talller acollerá unha lectura dramatizada con monicreques a cargo de Anxo García e Comba Campoi, da Asociación Cultural Morreu o Demo para a recuperación do títere tradicional galego. A actividade tamén é de balde mais precisa inscrición previa.

En familia
Santiago de Compostela, 29 de Xuño de 2016
 

Infantil

  • (1)