Cela, un libro e toda a soidade

Un libro e toda a soidade é a frase escollida por Camilo José Cela (Iria Flavia-Padrón, 1916 – Madrid, 2002) para o seu ex libris, a súa marca persoal, o sinal de identidade das súas publicacións. Toda unha declaración de intencións na que afondou ao longo da súa vida e que puxo de manifesto no discurso que pronunciou ao recibir o Nobel de Literatura: “Sen unha gran soidade non se pode facer unha obra duradeira”.

Un libro e toda a soidade convértese así no subtítulo do evento central do programa de actividades co que celebramos os cen anos do seu nacemento: a exposición Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel, que abra mañá as súas portas na Cidade da Cultura de Galicia ata o 19 de febreiro do 2017.

A mostra ofrece, por primeira vez, un percorrido polas múltiples caras de Cela. Novelista, articulista, dramaturgo, poeta, académico… pero tamén editor, pintor, coleccionista ou actor. A través de 600 pezas organizadas en 44 seccións, o visitante poderá descubrir manuscritos e primeiras edicións das súas novelas máis importantes, obxectos persoais como a mochila que levou na súa viaxe á Alcarria, fragmentos das películas nas que participou como actor, os milleiros de recoñecementos que obtivo ao longo da súa vida ou diferentes pezas artísticas de grandes nomes do século XX como Seoane, Alberti, Saura ou Picasso, que axudarán ao visitante a entender a complexidade dunha figura extraordinaria.

E entre os diversos exemplares, edicións e publicacións, o visitante atopará ese ex libris (estampa ou selo que adoita colocarse no reverso da capa o una tapa dun libro que contén o nome do propietario do exemplar ou da biblioteca propietaria) que no caso de Cela, ademais desa frase, contén un debuxo que lle regalou Picasso.

Exposicións
Santiago de Compostela, 17 de Novembro de 2016
Camilo José Cela