No corazón da Biblioteca de Galicia

Incunables, libros do século XV, gravados históricos, vinilos de lousa, carteis de cine, estampas turísticas, selos, banda deseñada… Acceder ao corazón da Biblioteca de Galicia supón mergullarse nun mundo que ole a pergameo, a papel, a tinta e, sobre todo, á nosa historia.

Con motivo do Día das Bibliotecas, celebrado o pasado venres 24 de outubro, a Biblioteca de Galicia abriu as portas dos seus lugares máis inaccesibles, permitindo durante algo máis dunha hora coñecer desde dentro o funcionamento da institución garante das letras galegas.

No corazón do arquivo bibliográfico, as caixas fortes móbiles onde se salvagardan todos os fondos abríronse para que os visitantes descubrisen desde un dos libros máis antigos que se conservan na Biblioteca, como primeiro libro impreso en Santiago datado en 1601; ata un incunable procedente de Lyon e publicacións periódicas como A Nosa Terra ou El Eco Franciscano, con páxinas asinadas por recoñecidos escritores e gravados realizados por discípulos de Castelao.

A visita completouse cos comentarios e anécdotas de Charo Crespo, técnica da Biblioteca de Galicia, con quen aprendemos a clasificar os fondos patrimoniais en dúas etapas -do século XV ao XVIII e do XIX ata 1968, cando aparece o depósito legal-, ou descubrimos que Santiago de Compostela foi o primeiro lugar de Galicia con imprenta fixa e máquina para imprimir gravados. 

Xunto co fondo bibliográfico, a visita incluiu a mostra de materiais especiais tamén custodiados na Biblioteca de Galicia que trasladan ao visitante a outra época como os vinilos de lousa da ‘Colección Maruxa’ ou rolos de pianola do arquivo musical; primeiras estampas de promoción turística de Galicia, editadas en 1936 a modo de álbum de cromos; carteis de cine de películas proxectadas en cines galegos, postais, selos ou os primeiro cartel co que se celebrou o Día das Letras Galegas no ano 1958. Debuxos de Díaz Pardo, mapas en relevo ou Dúas viaxes de Xaquín Marín e Reimundo Patiño, o primeiro libro de banda deseñada galego, completaron o percorrido por estes outros fondos da Biblioteca de Galicia.

Un edificio, dúas institucións

Biblioteca e Arquivo de Galicia comparten sede e espazo. Por este motivo, esta xornada de portas abertas serviu tamén para aproximarse un pouco máis a esa figura tan descoñecida que é o arquivo e aprender a diferenciar os documentos que unha e outro albergan. 

Son exemplares únicos, acreditan dereitos dos cidadáns e teñen un acceso restrinxido. Nestes tres puntos poderíamos resumir as características dos materiais que custodia o Arquivo de Galicia, onde o 90% dos documentos proceden da Xunta de Galicia. Unha alta porcentaxe de papeis administrativos que, non obstante, deixan sitio para outro tipo de expedientes como os arquivos privados e familiares, que dan lugar a documentos curiosos como un do século XVIII no que un xuíz reflexiona sobre o asesinato do Marqués de Valladares.

Pequenas mostras todas dun amplo patrimonio bibliográfico e documental que a Biblioteca e Arquivo de Galicia, e os seus técnicos, clasifican, protexen e custodian.

 
Letras & Pensamento
Santiago de Compostela, 27 de Outubro de 2014
 
Co material especial da Biblioteca de Galicia