Artesáns da madeira: as novas xeracións

Exposicións

A madeira e as súas artes son un dos elementos máis arraigados da nosa tradición e mesmo da nosa identidade. Por iso son obxecto de homenaxe no Museo Centro Gaiás a través da exposición Da árbore á cadeira, unha viaxe emocional do bosque ao fogar, da materia ao produto, da madeira ao deseño contemporáneo. Mais a madeira e as súas artes son tamén parte do noso presente e do noso futuro, como demostran as creacións de deseñadores contemporáneos, que seguen a apostar pola madeira á hora de innovar; e o éxito da formación profesional no ámbito da madeira, o moble e a cortiza.

Co obxectivo de poñelo en valor, o Museo Centro Gaiás acollerá desde o 20 de maio de ata o 11 de xuño a mostra Artesáns da madeira: as novas xeracións, exhibición de 33 prototipos de cadeiras creadas por alumnos de once centros de FP e EASD de Galicia que traballan a madeira como materia e sector de futuro. A inauguración da mostra terá lugar durante a celebración dos 5 anos do Museo Centro Gaiás, converténdose nunha das actividades centrais desta festa que coincide, ademais, co Día dos Museos

Un total de 11 centros educativos participarán nesta pequena exposición que busca poñer en valor o talento dos nosos mozos e dar a coñecer o futuro do deseño industrial e do moble no noso país. Así, o visitante poderá admirar un total de 33 prototipos elaborados desde o CIFP Ferrolterra, o IES de Melide, o IES de Ortigueira, o CIFP Politécnico de Santiago, a EASD Mestre Mateo de Santiago, o CIFP Politécnico de Lugo, a EASD Antonio Faílde de Ourense, o IES Antón Losada Diéguez da Estrada, o CIFP A Xunqueira de Pontevedra, o IES de Salvaterra de Miño e o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo.

A exposición contará con prototipos nos que se busca a comodidade a través do deseño como a Cadeira ergonómica do IES Melide ou o Conxunto de mesa, taburete e minitaburete do Club Deportivo Lugo do CIFP Politécnico de Lugo. Noutros casos, estamos ante xogos formais como a adaptación realizada no CIFP Politécnico de Santiago do Banco Mesa Café deseñado por Karolina Tylka de Beyond Studio; a Cadeira Barrera da EASD Mestre Mateo que busca reflexionar sobre a barreira que supón, como deseñador, saltar de deseñar produtos virtuais cos programas de 3D ou bosquexos a realizar un prototipo físico real; ou a Cadeira Pili do IES Antón Losada Diéguez, que xoga coa perspectiva e as formas escultóricas. A compoñente formal tamén predomina nos prototipos da EASD Antonio Faílde de Ourense mentres que a combinación da tradición e a innovación é o símbolo de identidade das tres pezas deseñadas polos alumnos CIFP A Xunqueira. En total, 33 demostracións de que as novas xeracións seguen a apostar pola madeira como produto de futuro.

Artesáns da madeira: as novas xeracións poderá visitarse no Museo Centro Gaiás de martes a domingo, en horario de 10 a 20 horas con entrada de balde.

Santiago de Compostela, 11 de Maio de 2017
Artesáns da madeira: as novas xeracións
 

Cultura

  • (2)
 
Cadeira Pili. IES Antón Losada Diéguez
EASD Antonio Faílde de Ourense
Cadeira Vermella e Azul. IES de Ortigueira
Cadeira Barreira. EASD Mestre Mateo de Santiago
Adaptación Banco Mesa Café. CIFP Politécnico de Santiago
CIFP A Xunqueira de Pontevedra
CIFP Politécnico de Lugo
IES Melide