Parque do Lago

O Parque do Lago é o terceiro espazo verde do Gaiás -xunto co Bosque de Galicia e o Xardín Literario- duns 51.163 metros cadrados dedicados ao goce da natureza. Situado na ladeira do Gaiás próxima ao Viso, o Parque do Lago é un proxecto de rexeneración paisaxística dirixido pola arquitecta Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega.

Esta área verde conta cun lago de 4.783 metros cadrados, rodeado de vexetación xa existente, e unha plataforma de madeira ao borde equipada con bancos, e cun sistema de iluminación con cintas led de baixo consumo. O parque conta tamén cunha carballeira convertida en espazo de lecer con mesas, bancos e elementos deportivos propios dun circuíto de running. Ademais, o visitante pode percorrelo a través dunha rede de camiños que permiten o goce do parque e que facilitan a súa conexión coa Cidade da Cultura e o acceso desde O Viso.