A triple aventura editorial de Cela

A edición foi unha das paixóns de Camilo José Cela xunto coa de coleccionista. O papel como editor e director de revistas culturais é un episodio fundamental na biografía do Nobel, tal e como pode comprobarse na exposición Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade, que pode visitarse no Museo Centro Gaiás ata o 19 de febreiro.

Amante dos libros, da boa literatura e poesía e a arte, Cela emprendeu en 1956 a súa aventura editorial. Recén chegado a Mallorca, o escritor galego pon en marcha Papeles de Son Armadans, unha revista intelectual totalmente independiente, que nos seus 23 anos de existencia foi un exemplo de tolerancia e pluralidade no mundo das letras e das artes, salvando o inútil horror da Guerra Civil. En Papeles de Son Armadans colaboraron escritores das dúas Españas, tanto presentes no país como no exilio, e nas linguas propias de cada autor. Rafael Alberti, Vicente Aleixandre, Luis Cernuda, Jorge Guillén, Emilio Prados, Gerardo Diego, Dámaso Alonso, Celso Emilio Ferreiro e un longo etcétera déronse cita nas súas páxinas. A revista atendía de modo constante ás artes, especialmente á pintura -con monográficos de Picasso ou Miró por exemplo-, concedéndolle unha extraordinaria importancia ás capas, onde aparecían sempre debuxos de artistas fundamentais na España da época como Tàpies ou Saura.

Mais o empeño editorial de Cela non quedaría aquí. A finais de 1964, xunto cos seus irmáns Juan Carlos e Jorge, pon en marcha unha das editoriais clave da España do século XX: Alfaguara, onde publicou algunhas das súas obras e as de moitos escritores do momento ata o 80, ano no que foi adquirida por Santillana.

A última das súas aventuras editoriais sería en Galicia: El Extramundi y los papeles de Iria Flavia, revista trimestral de creación literaria dirixida por Cela e editada pola súa Fundación. O primeiro exemplar sairía do prelo na primavera de 1995 e o escritor a dirixiu ata o seu falecemento en 2002. 

 

Exposicións
Santiago de Compostela, 12 de Xaneiro de 2017