Cidade da Cultura de Galicia

Situada en Santiago de Compostela, a Cidade da Cultura de Galicia eríxese no cumio do monte Gaiás como un formidable fito arquitectónico do novo século dedicado ao coñecemento e á creatividade.

Deseñada polo arquitecto americano Peter Eisenman para acoller as mellores expresións da cultura de Galicia, España, Europa, Latinoamérica e o mundo, esta nova “cidade”, inclusiva e plural, quere converterse nunha “factoría de proxectos” que dinamice o noso tecido de industrias culturais, unha plataforma que lle dea visibilidade ao mellor das nosas expresións artísticas e un punto para o intercambio de ideas e experiencias, conectando Galicia ás redes nacionais e internacionais de creatividade e coñecemento.

Os seus singulares edificios, conectados por rúas e prazas e dotados dun avanzado nivel tecnolóxico, configuran un espazo de excelencia para a reflexión, o debate e a acción orientados ao futuro de Galicia e a súa internacionalización.