As cen botellas de Cela

Novelista, articulista, dramaturgo, poeta, académico… e coleccionista. Ao longo da súa vida, Camilo José Cela gardou todo tipo de obxectos, convertidos a día de hoxe en impresionantes coleccións: 62 ouriñais, 52 pezas de cerámica de Staffordshire, 164 discos de vinilo, 2.643 selos, 223 billetes de lotaría, 300 caixas de mistos, 275 cromos, 45 caixas de latón, 113 bitolas e plumas estilográficas, 3.500 esquelas… Unha inxente cantidade de obxectos que se salvagardan e exhiben na Fundación Camilo José Cela de Iria Flavia e, ata o 19 de febreiro, tamén no Museo Centro Gaiás no marco da exposición Camilo José Cela. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade. Ou, cando menos, unha boa representación desta obsesión de Cela polo coleccionismo.

Todas elas curiosas, a que máis lle chama a atención ao visitante da mostra é a colección de botellas asinadas por personalidades da literatura, o cine ou a arte, que Cela foi acumulando durante os anos que viviu en Mallorca. A orixe desta peculiar colección está nunha visita de Ernest Hemingway ao Nobel. Tras dar boa conta dun xantar, Cela sacou unha botella de Jerez na que o escritor norteamericano lle estampou unha dedicatoria de agradecemento. Días despois, Cela amosoulla ao escritor e xornalista Josep Pla, que decidiu seguir o exemplo de Hemingway e asinar tamén a botella de whisky escocés que tomaran tras a comida. Mais isto non supuxo o inicio da colección senón o artigo de Pla titulado Carta de Mallorca. Visita a Camilo José Cela en Palma e publicado o 29 de decembro do 56 no número 1.012 da revista Destino –exposto tamén no Museo Centro Gaiás- e no que aseguraba que Cela posuía unha magnífica colección de botellas asinadas por grandes personalidades da arte. Unha afirmación que levou a Cela a conseguir preto dun cento de botellas con sinaturas de grandes nomes como os escritores Dámaso Alonso ou Vicente Aleixandre, do actor Fernando Fernández-Gómez e a bailaora Micaela Flores Amaya ‘La Chunga’, dos pintores Joan Miró e Picasso, ou de escritores estranxeiros como John dos Passos e Henry Miller. 

 

Exposicións
Santiago de Compostela, 07 de Decembro de 2016
Camilo José Cela
 
Colección de botellas de Cela
Botella de Cela asinada por Miró
Botella de Cela asinada por Picasso
Botella de Cela asinada por Henry Miller