A lápida encargada por Cela

Este martes, 17 de xaneiro, cumpríronse quince anos do falecemento de Camilo José Cela. Os seus restos descansan no cemiterio de Adina, en Iria-Flavia, na parroquia que o veu nacer e onde o Nobel pediu expresamente que o enterraran.  “Declaro públicamente  mi  mejor deseo de fundirme con la tierra en el camposanto que rodea la antigua colegiata en la que fui bautizado”, escribiu Cela nun artigo titulado Instrucciones para el día final, publicado en Diario 16 en outubro de 1989. 

A pesar do tempo que levaba vivindo fóra de Galicia, o desexo de Cela sempre foi descansar na súa terra e facelo no mesmo cemiterio que Rosalía de Castro, polo menos desde 1885 ata 1991, cando o seu corpo foi levado ao Panteón de Galegos Ilustres de Compostela. As últimas vontades do escritor padronés eran claras: debían enterralo moi próximo ás tumbas dos seus familiares baixo un olivo, lugar que el mesmo elixiu seis anos antes da súa morte en xaneiro do 2002, e o seu corpo non debía ser trasladado no futuro como pasara co da poeta. Ata a lápida que o visitante pode contemplar no cemiterio de Adina foi encargada polo propio escritor anos antes da súa morte. Unha lápida de pedra, sinxela, co seu nome e o seu título de Marqués de Iria Flavia e á que só lle faltaba a data do seu finamento. Dela deixou ata escrito os seus coidados, pedindo que nunca se limpase para evidenciar, así, o paso do tempo. 

Esta é unha das moitas anécdotas que salpican a biografía de Cela e que poden descubrirse visitando ata o 19 de febreiro a exposición coa que se celebra o seu centenario: Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade. E, por suposto, achegándose á Fundación Camilo José Cela de Iria Flavia, onde Cela deixou todo o seu legado.

 

Exposicións
Santiago de Compostela, 19 de Xaneiro de 2017