Abril de Maruja Mallo

O mes de abril estará adicado na Biblioteca e Arquivo de Galicia a homenaxear a Maruja Mallo, pintora vangardista, que experimentou e colaborou con diversas correntes artísticas do século XX. Transgresora, moderna, feminista, foi unha muller adiantada ao seu tempo, cunha visión lúcida e unha enorme capacidade creativa. Por este motivo, este ano dedícaselle o Día das Artes Galegas, que celebramos o 1 de abril.

Para aproximar aos máis pequenos á figura desta gran artista galega, a Biblioteca de Galicia pon en marcha tres obradoiros creativos vencellados á súa vida e traxectoria. O primeiro terá lugar o 8 de abril cun achegamento á obra Naturezas vivas. Pensado para nenos de 6 a 9 anos, o obradoiro busca que os participantes creen as súas propias propostas plásticas, contando con espazos baleiros que terán que encher utilizando a correspondencia simétrica axeitada. Aínda que poida semellar que os conceptos son complexos, a idea é achegar a xeometría coma un xogo para experimentar as inquedanzas e singulares procesos creativos de Maruja Mallo. A actividade comezará ás 17 horas e terá uns 60 minutos de duración. As inscricións xa están abertas.

A seguinte cita será o 22 de abril co obradoiro creativo Botánica Surrealista, que estárá vencellado á pintura La sorpresa del trigo. Así, neste obradoiro comprobaremos que pasaría se plantasemos sementes de legumes en lugares tan curiosos como o nariz, o xeonllo ou os beizos, ao igual que fixo Maruja Mallo co trigo xermolando dos dedos da man da protagonista desta obra tan singular. Para isto distribuirase entre os/as participantes un puñado de sementes: garabanzos, lentellas, chícharos...que terán que incluír na súa proposta plástica. Ao remate da actividade repartirase entre os/as asistentes un kit de herboristería con instrucións precisas para que cada quen plante os seus legumes. Tamén de 17 a 18 horas, as inscricións xa están abertas.

O último dos tres obradoiros dedicados a Maruja Mallo será o 6 de maio baixo o título Verbenas animadas. O vencellamento da artista coa vangarda e a súa paixón pola sétima arte servirán de fío condutor para este obradoiro de stop-motion no que rapaces e rapazas, despois de achegarse á figura, á obra e á época desta artista galega, farán unha proposta de animación a partir da obra La Verbena. Esta actividade está pensada para rapaces de 9 a 12 anos e ten unha duración de 2 horas e cuarto. Xa se pode reservar praza de balde.

En familia
Santiago de Compostela, 28 de Marzo de 2017
Maruja Mallo
 

Infantil

  • (1)