Centro de Emprendemento Creativo

O Centro de Emprendemento do Gaiás (CEM) é un espazo destinado a potenciar a creación e consolidación de empresas culturais, creativas e tecnolóxicas. O CEM está ao servizo das persoas emprendedoras, ofrecéndolles un espazo de traballo, apoiándoas na materialización das súas ideas de negocio e procurando contribuír á creación en Galicia de empresas dinámicas, competitivas e innovadoras.

Para isto, desde a súa posta en marcha en 2013 desenvolve un programa de titoría e acompañamento aos emprendedores residentes que ofrece formación e asesoramento para madurar os seus proxectos empresariais.

A actividade do centro non se restrinxe aos emprendedores residentes, senón que cada ano o CEM desprega un amplo abano de actividades abertas a todas as persoas emprendedoras de Galicia, ou a público interesado no emprendemento e a creación. Xa sexa a través de accións formativas, eventos ou actividades de networking, a programación procura estimular e apoiar o talento e crear cultura emprendedora en Galicia.Tanto pola súa ocupación como pola programación desenvolvida, o CEM é actualmente o maior centro de emprendemento cultural e creativo da comunidade galega.

O Centro ofrece dúas modalidades de estancia para os proxectos emprendedores residentes:

COWORKING GAIÁS

Espazo de traballo fexible e compartido con outros emprendedores, onde atopar ben o entorno para desenvolver un proxecto de maneira autónoma, ben un modelo no que establecer alianzas e sinerxías con outros emprendedores para abordar iniciativas conxuntas. O resultado é un entorno dinámico, colaborativo e produtivo no que xorden novos proxectos.

VIVEIRO GAIÁS

Dá resposta a aqueles emprendedores que teñen maiores necesidades de espazo e autonomía, con estruturas modulares independentes, de superficie variable segundo as necesidades.

O edificio do CEM acolle tamén a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), e unha área de empresas TIC que engloba programas de apoio ao emprendemento tecnolóxico innovador da man de empresas e entidades de primeiro nivel, como o ‘Galicia Open Future’ de Telefónica e o ‘Connecting for Good Galicia’ de Vodafone.