Spin2016: emprendendo para sobrevivir

“A Humanidade non deixou de emprender para sobrevivir”. A frase da escritora e Premio Príncipe de Asturias Nélida Piñón resume á perfección a filosofía do Spin2016, que desde hoxe e ata este sábado estará na Cidade da Cultura ‘Creando cultura emprendedora’.

Educación, cambio de mentalidade, identidade, empatía… Son moitos os conceptos que xurdiron nesta primeira xornada na que tivemos o privilexio de asistir a un diálogo entre mulleres que, coas súas acción, moven (e mudan) o mundo. No Museo Centro Gaiás, Sakena Yakoobi, fundadora do Instituto Afgán de Aprendizaxe (AIL); Mariana Costa, Fundadora de Laboratoria; e Ana Sáenz de Miera, directora de Ashoka España reivindicaron o papel do muller no emprendemento social como unha poderosa arma para mudar o mundo. 

Sakena Yakoobi reivindicou a educación como un vehículo para transformar a comunidade. A súa experiencia o demostra, xa que o traballo de Yakoobi permitiu educar a 3.000 nenas despois de que os talibáns pecharan as escolas femininas na década dos 90 e hoxe en día, a través do AIL, pon a disposición de 13 millóns de persoas en Afganistán programas formativos e servizos legais e sanitarios. Mariana Costa é outro exemplo de que con pequenos cambios e educación, a transformación é posible. A través de Laboratoria, Costa forma a mulleres novas latinoamericanas con poucos recursos como programadoras e expertas en desenvolvemento web. “Milleiros de mulleres de zonas sen recursos descubren que coa tecnoloxía se pode chegar tan lonxe como ti queiras. E convértense en referentes para millóns de mulleres da súa rexión”, destacou Mariana, defensora da idea de que pequenos cambios ou mudanzas puntuais transforman comunidades. “Para cambiar o mundo tes que ser consciente e que podes”. A setenza é de Ana Sáenz de Miera, directora de Ashoka España, rede que promove a construción dunha sociedade de changemarkers ou de actores de cambio. Ana puxo sobre a mesa conceptos como empatía, autoestima e igualdade como elementos necesarios para eliminar os teitos de cristal –impostos e autoimpostos-. “Dar autoesima, o “ti podes” é a arma máis poderosa de transformación. O peor inimigo do cambio é a falta de esperanza”, apuntou Mariana Costa. Unha labor que, non obstante, non podemos facer soas, tal e como reivindicou Yakoobi, quen chamou a unha cambio de mentalidade para transformar de verdade o mundo.

O día comezou por todo o alto co músico e compositor Gustavo Santaolalla, gañador de dous Oscar e 17 premios Grammy, quen deu tres claves aos emprendedores: disciplina, constancia e identidade. A gran sorpresa do día foi a actuación conxunta de Santaolalla cun dos nosos músicos máis universais: Carlos Núñez, unindo así as músicas do dous lados do Atlántico. Ademais de Santaolalla, neste primeiro día do Spin2016 pasou polo Museo Centro Gaiás o emprendedor galego Anxo Pérez, creador de 8Belts.com –firma coa que aprender idiomas en oito meses- e que convidou ao auditorio a arriscar para gañar: “Fai que sucedan algunhas cousas e verás que suceden moitas”. Ou Román Santiago e Guillermo Julián, directores da longametraxe Rendezvous, que reivindicaron a forza do capital humano para triunfar: “Podes ter a mellor idea do mundo que, como non sexa un bo equipo, fallaches”. 

Spin2016 continúa mañá con conferencias tan destacas como a do cociñeiro Joan Roca, o director de cine José Luis Cuerda ou o paleontólogo Juan Luis Arsuaga.

 

Intercambio
Santiago de Compostela, 29 de Setembro de 2016