Arqueoloxía da memoria recente

A sala Picasso do Círculo de Bellas Artes de Madrid acolle desde este xoves, 30 de xaneiro,  Cidade e territorio en España 1986-2012. Arqueoloxía da memoria recente, unha mostra que reflexiona sobre o ciclo económico que se inicia coa incorporación de España á Comunidade Económica Europea e a incidencia que esta supuxo na produción arquitectónica, as transformacións urbanas e as novas paisaxes derivadas da intervención da enxeñería e a construción de infraestruturas.

A exposición Cidade e territorio en España 1986-2012 componse dunha serie de fotografías, cronomapas, ortofotos e material audiovisual nos que se presentan varias das intervencións arquitectónicas e de infraestrutura que se construíron en España durante este período.

A Cidade da Cultura de Galicia forma parte desta mostra a través das maquetas do proxecto ideado por Peter Eisenman para o alto do Gaiás xunto con outras grandes infraestruturas dedicadas á arte e á cultura como as do Guggenheim de Bilbao, da Exposición Universal de Sevilla’92 e Zaragoza 2008, o Kursaal de Donosti, a ampliación do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ou o Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León (MUSAC).

Comisariada por Juan Miguel Hernández León, a mostra está organizada polo Círculo de Bellas Artes, a Universidade Politécnica de Madrid, a Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo (Ministerio de Fomento) e Cehopu-Cedex, en colaboración con RTVE, e ten a súa orixe no proxecto de investigación realizado polo grupo Paisaje cultural da UPM. 

“A idea xeradora da exposición –apúntase no catálogo- é presentar aquelas intervencións arquitectónicas ou infraestruturais que construíron durante este período o territorio e/ou a cidade. A exposición non trata de reunir as mellores obras realizadas nos últimos anos no noso país, senón de configurar un discurso diagramático segundo o concepto de Deleuze, no que o propio visitante configure e cristalice as liñas de forza argumentais que lle permitirán establecer as súas propias conclusións”.

Un avance desta exposición xa puido verse no Instituto Cervantes de Xapón con motivo do Ano Dual España-Xapón. 

Exposicións
Santiago de Compostela, 28 de Xaneiro de 2014