Caxigueiro e Baldo Ramos amósannos os ollos das palabras

Un labirinto de arxila e papel, de tinta e escaiola, de silencio e memoria. Este é a nova proposta que ofrece o Arquivo de Galicia, que dende hoxe e ata o mes de xuño acolle a exposición Os ollos das palabras, un proxecto conxunto do escritor e pintor Baldo Ramos e o artista plástico Caxigueiro co que pretenden facerlle reflexionar ao público sobre o valor do libro máis alá do seu papel como espazo para albergar contidos. O libro como contedor de imaxes, de afectos e metáforas.

Cun leit motiv común, Os ollos das palabras é a culminación dun diálogo de dous artistas conectados estéticamente: Baldo Ramos dende o formato de libro de artista e Caxigueiro dende os seus traballos escultóricos e instalacións sobre estes elementos. Un encontro facilitado polo poeta Eduardo Estévez que propiciou unha mostra na que o libro como formato de expresión se erixe en auténtico protagonista.

Instalacións, libros en papel de gran formato, esculturas en gres, poemas visuais, versos escritos en diálogo coas creación plásticas… son algunhas das achegas persoais coas que Baldo Ramos e Caxigueiro convidan a ollar o libro dende as palabras e habitar as palabras dende a materia que manipula o artista. Un diálogo radical coas entrañas deses libros que nunca se pechan ao terminar de lelos.

Os ollos das palabras conta ademais con dúas homenaxes: unha instalación dedicada a a Isaac Díaz Pardo, pintor, ceramista, deseñador e editor fundador das Cerámicas do Castro, o Laboratorio de Formas e Sargadelos, onde Caxigueiro comezou a desenvolver a súa actividade; e un libro co que Baldo Ramos pretende recordar a figura de Celso Emilio Ferreiro, de quen este ano celebramos o centenario do seu aniversario.

Esta é a primeira de tres exposicións que acollerá o Arquivo de Galicia a longo deste mes e que xirarán ao redor dun denominador común: o libro como algo máis que contedor de palabras. Libros para ver é o título común a estas tres mostras que, xunto co proxecto de Caxigueiro e Baldo Ramos, inclúe Os Inicios da banda deseñada en Galicia que fai un percorrido polos precedentes do cómic en Galicia a través de materiais pertencentes aos fondos da Biblioteca de Galicia. E tamén a exposición Do it yoursef! Incunables contemporáneos dun impresor particular, na que se dá conta da figura de Francisco Barros Cascalhar, máis coñecido como Chankechán, zapateiro de profesión e escritor de vocación que, ante a imposibilidade de publicar as súas obras, decidiu autoeditarse a través dunha imprenta caseira fabricada por el mesmo e doar os seus exemplares a bibliotecas como a Vaticana ou as nacionais de España, Francia e Portugal.

Exposicións
Santiago de Compostela, 09 de Marzo de 2012