Cela, o poliedro descoñecido

Sabiamos que era o autor de La colmena, La familia de Pascual Duarte ou Madera de Boj. Que era o único Nobel galego. E que podíamos coñecer o seu legado na Fundación que el mesmo constituiu en Iria Flavia. Ao longo destes meses descubrimos, non obstante, ao Cela pintor,  actor, editor, coleccionista… Múltiples caras dunha figura extraordinaria que coñecemos grazas á exposición Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade, que pecha as súas portas este domingo no Museo Centro Gaiás.  

Ao Cela máis familiar descubrímolo a través da castaña que fora do seu pai e que o acompañou durante toda a súa vida. De todas as súas rarezas quedamos co seu desaforado afán coleccionista: 62 ouriñais, 52 pezas de cerámica de Staffordshire, 164 discos de vinilo, 2.643 selos, 223 billetes de lotaría, 300 caixas de mistos, 275 cromos, 45 caixas de latón, 113 bitolas e plumas estilográficas, 3.500 esquelas… Unha inxente cantidade de obxectos entre os que destaca a colección de botellas asinadas pero grandes personalidades da literatura. E de todas as súas vivencias, a noite que pasou no cárcere durante a súa coñecida Viaxe a la Alcarria.

Antes de que se convertese nun consagrado escritor e Premio Nobel de Literatura, Camilo José Cela amosou interese polas máis variadas disciplinas artísticas: poesía, pintura e ata interpretación. Aínda que o seu papel máis destacado foi a de editor, coa revista Papeles de Son Armadans, a editorial Alfaguara e a revista trimestral El Extramundi y los papeles de Iria Flavia.

Cela conseguiu o Nobel, o Príncipe de Asturias, o Cervantes pero tamén un sinfín de Honoris Causa, o Premio Planeta, o Premio Nacional de Narrativa… Aínda que de todos destaca a distinción de Carteiro Honorario, pola que Cela mantivo unha intensa e coidada relación epistolar de forma gratuíta

O centenario de Cela permitiunos descubrir que o manuscrito de La familia de Pascual Duarte escribiuse dúas veces e que La colmena se concibiu como o primeiro tomo dunha triloxía que nunca viu a luz. E, por riba de todo, a enorme personalidade dun home que anos antes de morrer deixou elixido o seu lugar no cemiterio de Adina e a lápida coa que se cubriría o seu corpo.

 

Exposicións
Santiago de Compostela, 17 de Febreiro de 2017
 

Cultura

  • (2)