Edificio Fontán

O futuro Edificio Fontán virá culminar o complexo da Cidade da Cultura de Galicia, aproveitanto a estrutura que inicialmente ía estar destinada ao Teatro da Ópera. Ideado polo arquitecto Andrés Perea, responsable xunto á empresa EuroEstudios de redacción do proxecto e da dirección das obras da Cidade da Cultura, o Fontán caracterízase tanto na súa fachada como no seu deseño global pola súa integración cos edificios xa existentes no Gaiás, deseñados por Peter Eisenman, un encaixe tanto en complicidade e entendemento con skyline do Gaiás, mais sen chegar a mimetizarse, nunha aposta por unha autonomía formal.

O Fontán acollerá tres entes vinculados co Sistema Universitario de Galicia (SUG), dous deles de nova creación:

  • Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG): entidade de nova creación que impulsa a colaboración entre as tres universidades galegas en materia organizativa, económica, técnica e administrativa
  • Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais (CEIPAC): crearase un novo centro de investigación, o primeiro do SUG vinculado ás Ciencias Sociais e ás Humanidades.
  • Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG): entidade xa existente coa misión de garantir a calidade do Sistema Universitario de Galicia.

O proxecto arquitectónico para o novo Edificio Fontán defínese como austero, sinxelo e sen alardes económicos nos seus materiais, tal e como demostra o acristalado do chan ao teito e a decisión de optar por unha cuberta metálica, en vez dunha revestida de pedra ou baldosas de formigón, de maior custo económico e tamén de tempos.

Precisamente, serán o cristal e o metal os materiais que describan o seu aspecto formal. Dividido en catro andares —que suman unha superficie total construída de 12.800 metros cadrados— chaman a atención certos servizos ou estruturas, fóra das prestacións propias dun edificio dedicado á investigación, como poden ser os laboratorios. 

Estes elementos singulares son: o Auditorio, con capacidade para 750 persoas divisible en tres salóns de actos independentes; o Xardín cuberto con fachadas abertas, pensado tamén como espazo museístico vencellado coa actividade que alberga; os patios interiores; e unha nova rúa principal que atravesará o Edificio Fontán comunicando as dúas estradas peonís da Cidade da Cultura (a do CINC e a Biblioteca de Galicia), sen ter a necesidade de rodealo.

O novo edificio caracterizarase pola súa sustentabilidade, funcionalidade e tamén flexibilidade para facilitar posibles modificacións futuras nos seus servizos e usos.

 
Recreación do futuro Edificio Fontán
Recreación do futuro Edificio Fontán
Recreación do futuro Edificio Fontán
Recreación do futuro Edificio Fontán
Recreación do futuro Edificio Fontán
Recreación do futuro Edificio Fontán
Recreación do futuro Edificio Fontán