Xardín do Teatro

Actuación actualmente en marcha destinada a ordenar o baleiro destinado ao edificio do Teatro a través da creación dun xardín non estático con vexetación barroca, árbores, tapizantes rodeando os camiños e rubidoiras envolvendo as estruturas existentes.

No Xardín do Teatro plantaranse 187 árbores de 30 especies procedentes de diferentes partes do mundo, xerando unha idea de biodiversidade e universalidade que conecte coa presenza de comunidades de galegos por todo o planeta. Plantaranse tamén case 4.000 plantas entre aromáticas, acuáticas, rubideiras...

O novo espazo verde, que ocupará uns 12.000 metros cadrados, contará con 3 estanques, 400 metros de sendeiros, equipamento para deportes urbanos (parkour, rocódromo e skate park) e un anfiteatro ao aire libre con capacidade para 400 prazas.

Ademais, o Xardín do Teatro non suporá un encarecemento do custo da Cidade da Cultura, xa que se financiará integramente cunha transferencia de fondos procedentes da obra de urbanización Fase 2.

O Xardín do Teatro é un proxecto de RVR arquitectos, elixido tras unha presentación de ideas na que participaron tres estudios de recoñecido prestixio e experiencia. A dirección dos traballos é compartida entre RVR arquitectos e Perea+Euroestudios.

 
Recreación do futuro Xardín do Teatro
Recreación do futuro Xardín do Teatro
Recreación do futuro Xardín do Teatro