A castaña de Cela

Un ollo de vidro, un reloxo do Celta de Vigo e unha castaña. Tras un impresionante cadro de Camila Trulock e algunhas imaxes de infancia e mocidade, a exposición Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade sorpréndenos cunha pequena vitrina que combina estes tres curiosos obxectos de Cela.

Segundo contaba o novelista, o ollo de vidro gañouno nunha partida de cartas durante a Guerra Civil nun bar de Estremadura a un home que xa non tiña máis que xogarse. E o reloxo do Celta é un regalo do seu pai, un dos socios fundadores do equipo vigués. E a castaña, un legado familiar. Quizáis, de todos, o máis importante pola íntima historia que agocha detrás.

A castaña, engarzada nun anel de ouro, acompañou a Cela toda a vida. O froito atopouno o seu pai, Camilo Crisanto Cela y Fernández, nunha praia e acompañouno no peto como amuleto da sorte. A súa morte, a súa muller decidiu entregarllo ao seu fillo maior: Camilo José Cela. Conta a lenda que, nada máis recibila, a castaña caeu ao chan e partiu. Para conservala, Camilo José Cela decidiu engarzala nun anel de ouro, tal e como pode verse na exposición, acompañándoo tamén durante toda a súa vida.

Podedes descubrir máis historias como estas durante as visitas comentadas á exposición, que teñen lugar de martes a domingos ás 18:30 horas e sábados, domingos e festivos tamén ás 12:30. A entrada é de balde e non fai falta reservar, tan só achegarse ao mostrador do Museo Centro Gaiás uns minutos antes do comezo do percorrido.

Exposicións
Santiago de Compostela, 24 de Novembro de 2016
Castaña de Camilo José Cela