A Biblioteca de Galicia comeza o ano celebrando o Día da Ilustración

O Día da Ilustración (30 de xaneiro) e o Día do Usuario das bibliotecas (11 de xaneiro) centran a programación que a Biblioteca de Galicia preparou para comezar o ano. Un recital poético multimedia e varios obradoiros para os máis pequenos da casa serán as primeiras actividades do 2017.

A programación de xaneiro arranca o sábado 14 cun Recital multimedia con Yolanda Castaño, no que un dos rostros máis coñecidos da poesía galega realizará un recitado de textos acompañado dunha proxección de breves vídeopoemas e bases musicais. A cita será ás 18 horas no auditorio Xosé Neira Vilas e está pensado para maiores de 14 anos. Para asistir, só tedes que reservar praza de balde.

As actividades para nenos estarán relacionadas co Día da Ilustración. A primeira cita é o 22 de xaneiro, co obradoiro Aventuras literarias, no que rapaces de 7 a 12 anos vivirán unha especie de contacontos interactivo, a través do que se desentraña a historia narrada empregando xogos, enigmas, novas tecnoloxías, retos e probas. A entrada é de balde mais é preciso reservar praza.

Troquelando Contos é o seguinte obradoiro, que se celebrará o sábado 28 de xaneiro. Nel, os participantes converterán un conto da tradición oral nun libro en tres dimensións. O obradoiro será de tarde -ás 17 horas- e está recomendado para cativos de 6 a 12 anos. A entrada é de balde previa reserva de praza.

A última das actividades deste mes terá lugar ao día seguinte: o 29 de xaneiro. A partir das 17 horas, os participantes no Obradoiro de Ilustración crearán cadanseu personaxe co que construír un sinfín de aventuras. Pensado para rapaces de 7 a 12 anos, o obradoiro é de balde previa inscrición.

En familia
Santiago de Compostela, 30 de Decembro de 2016
 

Infantil

  • (1)