Mañá de teatro no Gaiás

A Cidade da Cultura de Galicia convertiuse esta mañá nunha cidade teatral coa presenza de Hortense Archambault, co-directora ata este ano do Festival de Aviñón, e Jesús Cimarro, director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida na segunda xornada do III FIEC.

A implicación do público non só no propio festival senón tamén no proceso de creación artística, poñer en valor o local -desde a cultura aos profesionais ou os propios veciños- e respectar a sensibilidade e a liberdade dos artistas. Estes foron os tres puntos comúns que reivindicaron dous xestores que veñen de dúas realidades diferentes: a xestión pública a primeira, a privada -ou mixta- o segundo.

Archambault, co-directora durante dez anos do Festival de Aviñón xunto con Vincent Baudriller, encheu o auditorio do CINC coa historia dun dos decanos dos festivais modernos. Un festival que evolucionou ao longo das décadas pero que mantén un principio claro: ofrecer un teatro popular que vaia dirixido a un público moi amplo. A partir de esta premisa, Archambault defendeu unha outra relación entre o festival e o público, permitindo un diálogo entre espectadores e artistas a través de charlas posteriores ás obras, apostando por unha "democratización cultural" de forma que a programación vaia dirixida a un fanático do teatro ou a alguén que por primeira vez se achega a ver unha obra. 

A co-directora do Festival de Aviñón defendeu tamén a riqueza local, destacando o xurdimento nos 80 dun "festival off" no que artistas poñían en escena os seus propios espectáculos, dando lugar a máis de 1.000 obras en máis de cen teatros. "Aviñón convértese nunha auténtica cidade teatral", asegurou Archambault, quen destacou a necesidade de aproveitar estas sinerxías que fan un festival máis plural e máis rico.

Con esta mensaxe de proximidade, Archambault explicou que durante a súa xestión a organización do festival trasladouse a vivir todo o ano a Aviñón, extendendo a actividade cultural do festival a todo o ano e provocando unha maior identificación entre artistas e espectadores. "Ver o proceso creativo ao longo do ano permite que o público sinta que o festival é seu", asegurou. Esta nova concepción materializouse na creación do edificio coñecido como A Fábrica, un lugar de ensaio e creación mantida ao longo do ano e unha das grandes herencias que Archambault deixa en Aviñón.

A xestión privada da man do público

E dun decano a outro. Porque a mañá completouse coa intervención de Jesús Cimarro, director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida, creado en 1933 e, polo tanto, un dos máis lonxevos da xeografía europea a pesar do parón producido durante a Guerra Civil e a dictadura.

Cimarro centrou a súa intervención na súa xestión do festival desde 2012, baseada nunha fórmula mixta entre o Goberno de Estremadura e a súa produtora teatral e que, segundo asegurou o director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede, "permitiu recuperar o festival de Mérida para todos os amantes do teatro".

Jesús Cimarro defendeu a "viabilidade do patrimonio cultural" desde outras ópticas ante uns tempos especialmente difíciles desde o punto de vista económico. "O Festival de Mérida non produce, coproduce", explicou Cimarro, situación á que se chega tras constatar que o orzamento de 1,5 millóns de euros do que se dispoñía en 2012 resultaba insuficiente. O actual director do Festival de Mérida basa a súa xestión en tres alicerces: combinar a excelencia artística, coa viabilidade económica e a atención informativa.

En canto á programación, apostou pola diversificación de espectáculos, a implicación do tecido empresarial estremeño e unha sinal de calidade irrenunciable. A viabilidade económica levou ao festival a diversificar a venda de entradas (maior número de canles de venda e establecemento de paquetes con touroperadores), ademais de apostar polo "teatro accesible", permitíndolle a persoas con discapacidades -de mobilidade, auditiva, ou ocular- seguir os espectáculos. A atención informativa recuperouse graza a unha importante campaña de comunicación -"foi a clave do éxito"- que buscou non só afianzar unha nova imaxe de marca recoñecible, senón por establecer unha nova relación cos medios que facilitase a credibilidade.

Con estes puntos e tras a crise que sufriu o Festival de Mérida en 2011 -tras a renuncia de Blanca Portillo-, Jesús Cimarro presentou ante o auditorio uns excelentes datos (aumento de espectadores nun 40% e superávit de case 500.000 euros) que, desde o seu punto de vista, avalan esta nova fórmula de xestión para os festivais actuais.

O III FIEC continúa esta tarde o director do festival La Mar de Músicas de Cartaxena, Francisco Martín; e do Festival Internacional de Edimburgo, Jonathan Mills. As conferencias poden volver a verse na canle de youtube da Cidade da Cultura ou na propia web.

Intercambio
Santiago de Compostela, 16 de Novembro de 2013