Escenas do Cambio | 748 cadernos de vida

 

Pode plasmarse toda unha vida nun libro? Quizais non, pero... en 748 cadernos? A reportaxe 'Gottland' de Mariusz Szcygie sobre Janina Turek demostrou que foi real e posible. E agora, da man dos artistas italianos Daria Deflorian e Antonio Tagliarini, tamén é unha 'perfomance': Reality, que poderemos gozar este domingo, día 4 de febreiro, en Escenas do Cambio.

Estes dramaturgos e actores traerán ao Museo Gaiás da Cidade da Cultura a vida de Janina Turek. Esta muller polaca é a protagonista real da reportaxe 'Gottland', de Mariusz Szcygie. E foi ela quen durante máis de 50 anos anotou minuciosamente e dun xeito case obsesivo e meticuloso todos os detalles cotiáns da súa vida ata completar 748 cadernos. Estes escritos foron atopados á súa morte (2000) pola súa filla, totalmente allea á existencia deste inxente material e deste xeito de enfrontarse ao cotiá e á mesma existencia da súa nai.

Nestes cadernos, e ao longo deste medio século de vida, Janina Turek tomou nota con precisión de:

  • cantas chamadas telefónicas recibira a casa e a quen chamara (38.196)
  • onde e a quen se atopou por casualidade e saudando cuns "bos días" (23.397)
  • cantas citas establecera (1.922)
  • cantos agasallos fixera, a quen e de que tipo (5.817)
  • cantas veces xogou o dominó (19)
  • cantas veces fora ao teatro (110)

Todo un relato minucioso do seu día a día que foron unha fascinante descuberta para Mariusz Szczygie e moito máis, a posteriori, para Daria Deflorien e Antonio Tagliarini, que decidiron levar ao escenario a reportaxe-libro. Unha aposta escénica que lembra a experiencia da artista visual Sophie Cale ou da recente novela 'O mapa e o territorio', de Michel Houellebecq, cuxo protagonista pasa 15 anos filmando detalles ao azar da follaxe ao redor da súa casa.

Deflorian e Tagliarini levan á escena a vida desta ama de casa anónima de Cracovia, sen procurar con ela unha obra de arte, nin un paradoxo intelectual, senón traballar e enxalzar o cotiá que sempre acaba diluído por mor doutros acontecementos máis salientables— no esquecemento. Trataríase, máis ben, dun xeito de ennobrecer o que nos é diario. E non só.

Para Darian Deflorian e Antonio Tagliarini a vida desta muller sérvelles para pensar a arte, a dor, a política e o mundo de hoxe. Para esta montaxe crearon unha linguaxe no límite do escénico e coreográfico, con pezas sutís e políticas, cheas de poesía, de fantasía e dun humor único e irrepetible, coma os 748 diarios de Janina Turek.

FINIR EN BEAUTÉ

Tamén a vida persoal abordada dun xeito poético e con moita tenrura é protagonista doutra peza de Escenas do Cambio para deste domingo: Finir en Beauté. Mohamed 'El Kahtib', natural de Marrocos pero afincando en Francia, trae ao festival unha obra na que aborda a memoria familiar (a través da morte da súa nai) pero tamén a de toda unha cultura e realidade francesa, vinculada aos seus territorios coloniais. 

Unha creación reveladora sobre a realidade francesa, onde o verdadeiro diálogo entre culturas, seguramente, aínda estea por comezar. Unha obra reconciliadora, tenra, brillante, que toma posición no momento difícil da morte. Chea de dor e de humor, onde a morte da nai tamén é celebración da existencia, e tamén exericio da memoria persoal, colectiva e de toda unha comunidade.


 

 

Santiago de Compostela, 02 de Febreiro de 2018