La familia de Pascual Duarte, o libro escrito dúas veces

"Yo conservo todos, o casi todos, mis originales. Tengo un ejemplar de cada una de mis ediciones, que son algo así como mil quinientas". Camilo José Cela.

Camilo José Cela sempre lle dou unha importancia máxima a conservar todo o relacionado coa súa obra. Os manuscritos orixinais dos seus libros, a súa correspondencia, as súas diferentes edicións, os seus premios... Todo un legado que se conserva na Fundación Camilo José Cela de Iria Flavia e ata o mes de febreiro no Museo Centro Gaiás no marco da exposición Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade.

Neste afán de conservar todo o seu traballo, Cela veuse na obriga de escribir, a man, dúas veces un mesmo libro. Falamos de La Familia de Pascual Duarte (1942), opera prima do escritor e novela española máis traducida despois de El Quijote. Tras a súa publicación, Cela regaloulle o manuscrito orixinal da novela, redactada nun caderno escolar, ao escritor e membro da Real Academia Española, José María de Cossío, "culpable máximo de que esto haya llegado a publicarse" segundo a dedicatoria que lle escribiu o propio Cela. Á morte do escritor vallisoletano, o manuscrito da primeira obra de Cela pasou a engrosar o rico patrimonio da Casa-Museo José María de Cossío. Situada na Casona de Tudanca (Cantabria), ademais do legado bibliográfico e documental do propio Cossío, esta institución custodia unha gran cantidade de manuscritos autógrafos orixinais dos séculos XIX e XX.

Cando Cela decidiu reunir nunha fundación todo o seu legado tentou recuperar o manuscrito de La Familia de Pascual Duarte, aducindo que se trataba dun regalo en vida para Cossío e que cando este falecese, a obra debería volver as súas mans. Tras varias negociacións cos responsables da Casa-Museo José María de Cossío, Cela adoptou unha solución salomónica: volvería a escribir a man, palabra por palabra, a obra completa. Desta forma, a día de hoxe contamos con dous manuscritos desta opera prima que supuxo para Cela o seu despegue como escritor: un en Cantabria e outro en Galicia.

 

Exposicións
Santiago de Compostela, 15 de Decembro de 2016