Diarios Sonoros: retratos dun artista máis alá da súa obra

Coñecer o artista máis alá da súa obra a través dun formato único: o retrato. Esta é a oferta de Diarios sonoros. Retratos musicais do século XX, ciclo vertebrado en oito sesións (de outubro a maio) que xirarán ao redor dun artista e unha temática, e onde se mesturarán concertos exclusivos, pezas audiovisuais e materiais gráficos, coa palabra e o diálogo nun escenario excepcional: a Biblioteca da Cidade da Cultura.

Ás 12:00 horas do sábado 22 de outubro, o gaiteiro bretón Patrick Molard será o encargado de levantar o pano dun ciclo que pretende renderlle homenaxe a músicos con vidas senlleiras que foron e seguen sendo un referente no seu campo. Baixo o título ‘Celtas sen filtro’, o acto incluirá un concerto express que irá precedido dun coloquio entre os participantes e o convidado que será moderado polo promotor cultural Raúl Pinheiro. Todas as entradas son de balde, pero debido á capacidade limitada da Biblioteca de Galicia, cómpre reservar praza na web da Cidade da Cultura.

Para inmortalizar cada encontro, no exterior da Biblioteca de Galicia, o artista Pablo Guiráldez ‘O Pastor’, ofreceralle ao público asistente a posibilidade de se retratar co convidado nun escenario que recreará as sesión fotográficas de principios de século para os retratos de familia. As fotos serán subidas posteriormente ao Facebook da Cidade da Cultura para a súa libre descarga.

Os actos previstos para este 2011 completaranse coas sesións ‘Arquitectura e Música’ e ‘Michael Gicometti. Filmografía de um povo’, onde o son entrará en contacto co espazo e a imaxe. José Luís Carles e Cristina Palmese serán os encargados de achegarnos o 26 de novembro ata os paralelismos entre a composición da arquitectura e a musica a través dunha intervención creada especialmente para a Sala de Columnas da Biblioteca da Cidade da Cultura. A obra consistirá na montaxe dunha instalación sonora e multimedia acompañada dunha acción performática.

Xa o 17 de decembro, será a quenda da imaxe a través da proxección de dous documentais de Michael Giacometti, figura chave no rexistro e preservación do imaxinario rural e o seu folclore. A sesión completarase cunha conversa sobre a súa obra, na que intervirán Paulo Lima, investigador e coordinador da última edición do libro-DVD/CD ‘Michel Giacometti-Filmografía Completa’, e José Moças, programador e director de Tradisom, editoral independente de Vila Verde (Portugal). A nota musical correrá a cargo de Pedro Mestre, cun concertó express de viola campanisa e voz.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 14 de Outubro de 2011