Lorca, o escritor favorito de Cela

Camilo José Cela coñeceu, tratou e mesmo trabou amizade con grandes nomes das letras españolas e internacionais. Mantivo contacto con todos os escritores da diáspora, de Alberti a Eduardo Blanco Amor; compartiu mesa e mantel con John dos Passos, Ernest Hemingway ou Arthur Miller; editou a todos os autores en activo da súa época –a excepción de Delibes- e coñeceu a practicamente toda a Xeración do 27. A todos excepto un: Federico García Lorca. Sen dúbida, xunto con Pío Baroja, o escritor favorito do Nobel galego e cuxas obras pasan a ser de dominio público neste 2017.

Cela foi un verdadeiro apaixoado de Lorca. A pesar dunhas polémicas e homófobas declaracións realizadas polo Nobel galego nunha homenaxe ao poeta granadino a finais dos 90, Cela adoraba o universo lorquiano. Ata o punto de ter unha importante colección de obras realizadas polo autor de Poeta en Nova York. Desaforado coleccionista como xa descubrimos noutro post, o escritor galego conta coas máis variadas creacións de Lorca, desde debuxos a primeiras edicións, libros asinados… De feito, na propia exposición Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade, o visitante pode contemplar un debuxo de Lorca xunto a outros grandes artistas como Picasso, Alberti ou Millares.

Para descubrir esta e outras xoias, a mostra pode visitarse de forma gratuíta ata o 19 de febreiro no terceiro andar do Museo Centro Gaiás, de martes a domingos, de 10 a 20 horas. Ademais, a Cidade da Cultura ofrece visitas guiadas diarias ás 18:30 horas e fins de semana e festivos tamén ás 12:30 horas.

 

Exposicións
Santiago de Compostela, 05 de Xaneiro de 2017 (All day)