Galicia universal e mural

Os murais teñen unha especial e importante presenza en Galicia universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación  tanto polo número un total de oito como pola autoría dos mesmos, xa que pertencen aos máis importantes creadores na arte galega da época que traballaron nesta modalidade:

E aínda que nesta exposición non se conta con ningún mural dun dos mestres nesta disciplina, como foi Luis Seoane,  si se amosan en Galicia universal  pezas del, que reflicten a súa xenalidade e dominio nas grandes formas.
 

"A posibilidade de ver reunidas estas pezas de enorme tamaño só é posible nun espazo como o Museo Centro Gaiás",  enxalza Paula Toimil, técnica do Departamento de Mediación, Educación e Información da Cidade da Cultura. Precisamente, admite que tanto o número como as dimensións dos murais soen "chamar a atención" dos e das visitantes, máis de 7.000 no primeiro mes de apertura de Galicia universal, exposición que conta con visitas comentadas, de balde, de martes a domingo.

Mais a presenza dos murais en Galicia universal  non é so relevante polo número e a calidade dos seus creadores, senón pola importancia do muralismo en si mesmo na historia da arte. "A exposición destas grandes pezas por parte destes artistas de renome en espazos públicos supuxo a democratización da arte", remarca Paula Toimil.

Este aspecto tamén é posto en valor por Miguel Cajigal, outros dos técnicos do Servizo de Mediación, Educación e Información da Cidade da Cultura, que lembra que o muralismo  foi unha expresión artística propia do século XX. "E supón a conquista do espazo público", enfantiza.  Deste xeito,  a pintura pasa de ser unha arte de interior, doméstica e burguesa, a ocupar os exteriores, para poder ser visto e gozado por un público potencial moito maior. 

Así, tal e como recorda Paula Toimil, todos estes murais de Galicia Universal  foron creados para grandes e concorridos espazos públicos como o Café Moderno de Pontevedra (El manantial de la vida de Laxeiro o La tentación de Colombina de Carlos Sobrino); Gran Hotel de Vigo, no caso de moitos dos murais de Lugrís e La primavera de Colmeiro; ou o Nuevo Café, no caso dos murais de Castelao.

MURAIS QUE ENXALZAN O RURAL

Tal e como amosan as pezas expostas en Galicia universal , o mural ten un dobre valor: decorativo e reivindicativo.  Na maior parte dos murais da época vaise reproducir a contorna rural e a vida popular, creando grandes contrastes cos espazos urbanos que ocupan, como os murais de azulexo de Sobrino na Alameda de Pontevedra.

Miguel Cajigal apunta que "por afinidade" no muralismo galego dase tamén unha "sintonía ideolóxica" co realismo socialista da URSS e o muralismo de José Clemente Orozco,  Diego Rivera ou Alfaro Siqueiros, aínda que nos rusos e mexicanos o compoñente urbano é máis importante, mentres que nos galegos predomina a vida popular, principalmente labrega, como é o caso de Colmeiro.

Ao respecto deste artista e do mural que se exhibe en Galicia universal, Primavera , Paula Toimil valora a "dignificación" da vida labrega que recolle esta peza, á vez que eloxia a aposta de Colmeiro por elevar a material artístico nos seus traballos a actividade do pobo campesiño.

LUGRÍS E A SÚA GALICIA MÁXICA

Lugrís, pola contra, supón unha excepción a esta corrente co seu muralismo da ensoñación, pouco apegado á realidade e máis interesado no decorativismo que na carga social, e que se pode situar no ambiente do chamado realismo máxico. 

Vista de Vigo  é unha recreación dun Vigo antigo. A pintura de Lugrís reflicte un mundo no que a realidade e a fantasía se entremesturan coa aventura, nun todo entretecido cun debuxo preciso e cores luminosas. Nesta obra aparece como o decorado dun teatro, detrás dunhas cortinas recollidas nun lateral. É un Vigo antigo, perfilado pola Fortaleza do Castro, a Colexiata, a Batería do Cabo da Laxe” batería da Pedra”, o Berbés e o convento de San Francisco. Vémolo todo desde o mar, desde un mar no que están pintadas todas as ondas, no que un pescador bota as redes e moi preto del emerxen monstros de fábula; as gaivotas refúxianse nas Cíes entre nubes de tormenta e un navío deixa no ambiente da ría un aroma de conquistas e descubertas.

 CASTELAO E  O INTERESE POLO SOCIAL

Enfrontado a esta posición de refuxio nunha Galicia ficticia, doutros tempos, idealizada e máxica, está Castelao. Os dous murais instalados en Galicia Universal  El emigrante, 1916 e Regreso del Indiano, 1918 supoñen un relato visual cargado de mensaxe social do que supuxo a emigración de principios do século XX en Galicia.

Os murais de Castelao combinan influxos formais modernistas, cunha inicial preocupación polos temas sociais galegos da época, lonxe aínda do tratamento que terán pouco despois, sobre todo nos seus debuxos de viñetas, onde a carga crítica e moito máis explícita e empregando outras técnicas artísticas, "aínda que nunca deixou os grandes formatos reivindicativos, como evidencia a súa posterior A derradeira leición do mestre", aclara Paula Toimil.

Estes dous murais, situados un fronte ao outro na montaxe de Galicia Universal , teñen unha forte connotación afectiva e pegada social. Paula Toimil salienta o feito de como en só dúas imaxes componse un completo resumo do que acontencía na época, desde unha perspectiva que evidencia xa o bando no que sempre se situaría Castelalo; na dos humildes, reprimidos e desfavorecidos.

Por un lado, El emigrante  reflicte esa despoboacion do rural, desas aldeas que quedaban abandonadas e fechadas pola sangría da emigración, sobre todo no interior (o lenzo recolle un lugar da montaña). Como contraposición, Regreso del Indiano  supón unha  crítica a eses "novos ricos" e o "clasismo" que trouxeron algúns destes emigrantes retornados ao volver á súa terra. Regresan nunha situación privilexiada, ante uns veciños e veciñas aínda somerxidos na pobreza e cunha actitude de marcada e fachendosa superioridade: as pertenzas do Indiano son trasladadas por un dos do pobo, nunha clara situación de humillación.

Castelao empregou o muralismo para sacar á rúa unha arte de denuncia social que chegaría a aproximarse moito máis ao pobo, tanto polas canles empregadas (revistas e xornais) como polo crítica máis incisiva que lle dará nas súas posteriores e afamadas viñetas, das que tamén hai unha escolma na exposición Galicia universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación.  Ata o 14 de outubro, no Museo Centro Gaiás.

Exposicións
Santiago de Compostela, 28 de Abril de 2018