Todo listo para MICAtlántica

MICAtlántica quenta motores. Un total de 400 profesionais daranse cita desde este sábado e ata o vindeiro martes na Cidade da Cultura para as roldas de negocio entre empresas arxentinas, portuguesas e do resto de España. Serán catro días dedicados a consolidar relacións entre empresarios españois, portugueses e arxentinos no que Galicia será a ponte de conexión transtlántica, aproveitando os seus lazos históricos e culturais con ultramar.

Deste xeito, no MICAtlántica LAB -dedicado aos profesionais- reunirá a 400 profesionais en roldas de negocio entre empresas arxentinas, portuguesas, galegas e do resto de España. Ademáis de 14 presentacións de proxectos empresariais ou impulsados por asociacións e institucións galegas e arxentinas

Para todos os públicos

Mais os profesionais non serán os únicos protagonistas de MICAtlántica. As seccións FÓRUM e EXPO incluirán 24 coloquios e mesas redondas, así como 14 presentacións de proxectos e 11 charlas para público xeral. Actividades a sumar ao importante cartel de música e artes escénicas de MICAtlántica SHOW, así como ás 5 películas dentro da programación de Cineuropa de MICAtlántica CINE.

Espazo FÓRUM

O espazo FÓRUM abarcará 24 sesións nas que participarán ao redor de oitenta relatores. Entre eles atópanse algúns dos principais produtores e distribuidores de cinema, música e televisión tanto españois como portugueses e arxentinos, así como representantes da industria editorial, do deseño e a artesanía e dos videoxogos de ambas as beiras. As institucións estarán presentes a través de órganos de xestión cultural pública e persoal de diferentes comunidades españolas xunto cos seus pares transatlánticos.

Espazo EXPO

Con respeto ao espazo EXPO, incluirá ademais da mostra da produción cultural un total de 11 obradoiros e charlas impartidos por representantes de todos os sectores que participan en MICAtlántica. Entre eles figura o obradoiro Dramaturxia de Emerxencia, no que o director arxentino Mauricio Kartún, considerado un mestre do teatro a nivel mundial, achegará as ferramentas básicas para abordar a construción de personaxes, o deseño da estrutura escénica ou a condución da acción. Este obradoiro está dirixido fundamentalmente a actores e directores teatrais, aínda que na súa traxectoria Kartún conseguiu numerosos seguidores noutros campos transversais como o cinema ou a literatura.

No campo musical destaca pola súa singularidade a proposta de Santiago Vázquez, denominada Obradoiro de ritmo e percusión con señas. Este compositor, multi-instrumentista, produtor e educador arxentino presentará as liñas mestras do seu pioneiro código de linguaxe de acenos, que xa están a utilizar miles de músicos profesionais e amateur en diversos países. Mediante esta linguaxe, a percusión convértese nun xogo de equipo integrador e nunha extraordinaria ferramenta non só nos escenarios senón tamén nas aulas, en terapias grupales ou en procesos de integración social.

MICAtlántica SHOW

A sección dedicada ao teatro e á música, denominada MICAtlántica SHOW, arranca xa mañá, venres 22 de novembro, ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia cun concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do compositor arxentino José Luís Castiñeira de Dios e coa participación do grupo de tango evolución Cristian Zárate Sexteto.

Entre as actividades musicais figuran os concertos de Luar na Lubre e do galego Xoel López, un dos máis influentes representantes do pop-rock español. Tamén destacan as propostas de fusión galego-arxentina de Lorena Lores, artista de orixe galega criada en Bos Aires, ou a colaboración entre músicos de ambas as dúas beiras do Atlántico, como son os casos de Cristian Zárate Sexteto e Barroso & Peixoto, ou Marcelo e Hugo Dellamea, Ariel Sánchez e Davide Salvado Trío.

Tamén ofrecerán un concerto conxunto as galegas Uxía e Rosa Cedrón coa arxentina Micaela Chauque, a cubana residente en Galicia Jamila Purofilin e o brasileiro Sèrgio Tannus, que tras varios anos residindo en Galicia bautizou o seu último disco co título Soy Brasilego. O programa musical pecharase o venres 29 no Auditorio Novagalicia Banco de Compostela co concerto de dous prestixiosos músicos: o acordeonista arxentino Chango Spasiuk e o arpista galego Roi Casal.

O programa de teatro achegará unha das súas propostas máis destacadas o luns 25 ás 20.00 horas no Auditorio Novagalicia Banco. Trátase da posta en escena da obra Miembro del jurado, do dramaturgo Roberto Perinelli, interpretada polo Teatro Nacional Cervantes, unha da compañía públicas de artes escénicas máis emblemáticas de Arxentina. Durante a fin de semana ofrecerase unha singular cita co microteatro, da man do dramaturgo, artista visual e actor bonaerense Fernando Rubio, quen na obra Todo lo que está a mi lado convidará o público unha orixinal colaboración como parte da propia montaxe. 

MICAtlántica CINE

No tocante ás propostas cinematográficas, o festival Cineuropa, que celebra este ano o seu vixésimo sétima edición, ofrecerá o ciclo MICAtlántica CINE, dedicado a algunhas das máis importantes propostas de directores arxentinos, como Gaspar Shener, Agustín Toscano e Ezequiel Radusk. Neste ciclo destaca a visita a Compostela dos directores Paula de Luque, con motivo da proxección da película Juan y Eva, e Julio o Ludueña, que achegará as súas Historias de cronopios y de famas. Tamén presentarán a película Mercedes Sosa, la voz de Latinoamérica o seu director, Rodrigo Vila, e o fillo da mítica artista arxentina, Fabián Matus. As proxeccións desenvolveranse no Salón Teatro e no Teatro Principal, tamén con entrada libre, previa recollida de invitacións.

Consulta o programa completo e non perdas nada!

Intercambio
Santiago de Compostela, 21 de Novembro de 2013