Galicia universal e feminina

Galicia, universalidade, tradición, vangarda, iconografía ou identidade. Conceptos todos eles que percorren os 150 anos da historia de arte galega que se amosa en Galicia universal. A arte galega nas colección de ABANCA e Afundación e nocións todas elas femininas, aínda que nesta ambiciosa exposición da Cidade da Cultura o peso e o valor do femenino vén dado indiscutiblemente pola calidade artística das mulleres que a integran: desde a pioneira Mª Carmen Corredoira (1893) ata a máis nova da mostra, Antía Moure (1981). E entre este case século de diferenza: María Antonia Dans, Julia Minguillón, Maruja MalloElena ColmeiroMaría Xosé Díaz,  Mónica Alonso, Berta Cáccamo, Emilia Salgueiro, Elena Gago, Menchu Lamas, Pamen Pereira, Almudena Fernández Fariña e Tatiana Medal.

Moitas delas marcaron fitos, abriron camiño e tendencias ou foron e seguen a ser referencia nos movementos artísticos.  Deste xeito,  e neste último día de marzo mes  vencellado á reivindicación dunha sociedade na que a muller poida vivir en plena igualdade  urxía darlle  visibilidade ás que compoñen esta mostra, gañada xa na historia da arte de Galicia pola súa innegable valía artística.

Unha relevancia que se evidencia na propia configuración da mostra no Museo Centro Gaiás, na que as 192 obras que a compoñen ordéanse ao redor de 10 eixes temáticos onde a muller ten unha sección específica, xa que a súa importancia en Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación non é consecuencia só da súa calidade artística, senón tamén pola impronta que tivo na arte galega á hora de ser representada.

Miguel Cajigal, técnico do Servizo de Educación, Mediación, Información e Asistencia ao público do Museo Centro Gaiás, detense sempre, e polo miúdo, nesta diferenciación cando leva a cabo as visitas comentadas á exposición, que se poden realizar, de balde, ata que remate (14 de outubro de 2018), de martes a venres ás 17.30 horas e que se amplían ás 12.30 horas as fins de semana e festivos.

A MULLER REPRESENTADA

“Hai dúas vertentes con respecto á muller: a representada e a que representa”, aclara como punto de partida na súa incursión pola presenza feminina na exposición. Por este motivo, Galicia universal dedícalle unha sección propia á representación da muller galega como "imaxe do País”. Nela pódese descubrir como na arte galega desde os pioneiros cun estilo galego propio, como son Carlos Maside ou Manuel Colmeiro, hai un subsconciente da imaxe da muller galega normalmente labrega para representar, a través dun proceso de metonimia, a Galicia.

Non se trata dun caso único, senón que noutras vangardas históricas aparece a mesma figuración. Neste senso, Miguel Cajigal pon como exemplo o caso ruso e lembra como nos carteis da Segunda Guerra Mundial aparecen uns soldados defendendo unha nai rusa. “Esa nai é a representación de toda Rusia”, argumenta. Ademais, no caso dos galegos como Maside ou Luis Seoane, engádelle unha “certa afinidade” tamén “ideolóxica” con estas vangardas.

Deste xeito, nesta sección de Galicia universal atópase a obra 'Muller de camiño' (1934) de Maside, que representa esa figuración da “matria galaica”; esa imaxe da muller forte e cunha presenza icónica moi grande. Neste mesmo apartado da exposición tamén se sitúa o cadro de Isaac Díaz Pardo, ‘Maternidade’, onde combina o mesmo concepto pero, neste caso, engádelle un valor a maiores porque asume/asimila unha iconografía da arte relixiosa como é a Virxe do Leite para substraela da sacralidade e convertila nunha especie de liturxia laica: “emprega esa icona, moi tradicional da arte relixiosa, para facer algo que non é relixiosa. Trátase dun proceso inverso, xa que nas orixes da arte cristiá o cristianismo apropiouse de imaxes pagás”, lembra Cajigal.

Na representación da muller na arte galega que amosa Galicia universal, destaca especialmente Luis Seoane. “Se un/unha ve a súa obra, moito máis da metade, maioritariamente son representacións de mulleres”, esgrime Cajigal. Unha análise que atopa o seu aval estatístico nesta exposición na Cidade da Cultura na que, das nove obras de Seoane,  seis son representacións femininas (4 individuais e dúas colectivas).

Neste espazo da exposición dedicada á muller tamén se atopa a lámina N.º 64 'E pra que son os deputados?', de Daniel Rodríguez Castelao. Coa inclusión deste debuxo neste apartado temático preténdese afondar na representación da muller labrega galega como icona de Galicia, pero tamén como portadora de sabedoría, coa súa contestación sinxela pero cargada de intelixente ironía.

Fóra desta sección temática, atopamos representacións singulares de mulleres que confirman a universalidade e internalización da arte galega, como son as obras de Arturo Souto con 'Negra' e 'Princesa negra', nas que bebe das correntes que lle reporta o seu percorrido vital por case todo o mundo e nas que, en todo caso, segue a apoiarse na identificación metononímica da realidade dun pobo nas mulleres. Neste caso, nas indíxenas, en semellanza á corrente en Galicia coa representación da muller labrega.

Neste mergullo fóra do espazo da exposición dedicado á muller, o percorrido por Galicia universal permite a descuberta da  evolución da representatividade da muller galega na arte. Ao respecto, é moi ilustrativo confrontar a obra 'Paisaje con gallega', de Serafín Avendaño —ataviada co traxe tradicional feminino galego, estereotipada na vestimenta e na actitude ( ollando marabillada e dun xeito contemplativo cara á ría )— fronte os retratos que das mulleres galegas atopamos ao longo de Galicia universal  nas fotografías, por exemplo,  de ‘Mariñeiros’ de José Suárez —persoa maior vestida de escuro, pano na cabeza, curtida polo paso do tempo e da espera; esas 'viúvas de vivos' do exilio e nos hiperrealistas retratos nas aldeas de Virxilio Vietez e Ramón Caamaño Ventín con esas mulleres soas posando ante a cámara con todos os seus fillos, poñendo de manifesto a sangría da emigración dunha época en Galicia.

A representación da muller na arte galega mudou conforme cambiou tamén a o seu papel na sociedade, a consecución de dereitos que lle viñan negados, a incorporación laboral... Así na creación contemporánea actual, a representación da muller na arte galega correspóndese cos novos tempos e coas conquistas na procura da plena igualdade. Deste xeito, en Galicia universal  atopámonos con obras nas que a muller aparece empoderada rachando cos estereotipos de figura delicada, de xénero débil, á que hai que protexer, tal e como reflicte a protagonista do cadro de Santi Jiménez (1979).

MULLER QUE REPRESENTA: AS ARTISTAS EN 'GALICIA UNIVERSAL'

En canto a presenza da muller en Galicia universal como representadora, a primeira muller que se atopa na exposición e ademais pintando a mulleres é Mª Carmen Corredoira (1893-1970). Miguel Cajigal sitúa as primeiras mulleres pintoras en Galicia ao redor de finais do XIX e principios do XX. María Carmen Corredeira nace, precisamente, nunha época en que comeza a producirse esa pequena incorporación neste ámbito artístico.

Nesa xeración e na seguinte é onde comezan a destacar nomes de mulleres pintoras; como María Antonia Dans ( 1922 - 1988), cuxa presenza en Galicia universal  ten un certo compoñente anecdótico porque  atópase tanto como representadora ('Prados de Curtis') como representada, nun retrato espida de Díaz Pardo.

Tras ela, é a quenda do recoñecemento de figuras como Julia Minguillón (1906 - 1965) e Maruja Mallo (1902-1995), que xa se corresponden con esas mulleres artistas introducidas a través dos círculos intelectuais. Daquela, ser creadora con visibilidade está inapelablemente vencellado á relación coa posibilidade de acceso a unha formación académica como vía de profesionalización.

E son, precisamente, estas dúas  as primeiras artistas en iniciar este camiño. Dúas pintoras radicalmente diferentes no xeito de concibir tanto a súa vida persoal como artística (actitude innovadora e rupturista, no caso de Maruja Mallo fronte ao corte tradicional e máis academicista de Julia Minguillón), mais cunha clara conciencia do que significa ser profesional. 

Dentro destes círculos intelectuais, como no caso concreto da Xeración do 27, na que había unha maioría de homes, as mulleres que se inscribían nela exercían en completa igualdade que os homes: no senso de que non había un rol específico creativo para elas, como ben exemplifica o caso de Maruja Mallo. "E isto é moi moderno", enxalza Cajigal.


Tomando como referente o acceso a unha formación académica que lles supón afianzar o seu carácter profesional, Galicia universal permite coñecer diferentes xeracións de artistas ata chegar a aquelas creadoras que poden realizar por vez primeira os seus estudos superiores en Galicia, tras a creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (1990).

Mais moito antes diso, a Guerra Civil e o exilio marcarán e racharán coa creatividade dentro de Galicia como no resto de España, e tanto de homes coma mulleres. A saída das nosas artistas fóra, na procura de maior liberdade e a oportunidade de poder formarse profesionalmente, permitiralles coñecer novas tendencias e linguaxes creativas e experimentar con novos materias como a cerámica.  Precisamente, nesta disciplina destacan Elena Colmeiro (1932) e María Xosé Díaz (1949). 

Galicia non quedou excluída da renovación das artes plásticas dos comezos dos oitenta con novas linguaxes de Atlántica, nas que se integra como única muller Menchu Lamas (1954) e considerada, por moitas voces, como a auténtica representante deste colectivo; Berta Cáccamo (1963) e a súa pintura abstracta; o simbolismo poético e minimalista de Pamen Pereira (1966); e a variedade e convivencia sensorial, cromática e espacial das creacións de Mónica Alonso ( 1970), son algún dos exemplos do innovadores camiños plástico-creativos na que destacaron estas artistas e que son , na actualidade, unhas figuras indiscutibles da arte galega actual, como corroboran as pezas que se amosan en Galicia universal.

A década dos noventa está marcada en Galicia pola creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (1990) e a posta en funcionamento do CGAC. Centro Galego de Arte Contemporánea (1993). A primera propiciou contar cunha nova xeración de artistas formadas na súa terra  como Almudena Fernández Fariña (1970) , Tatiana Medal (1971) ou Antía Moure (1981), a máis nova das e dos creadores da exposición e cuxa instalación é a imaxe da campaña comunicativa de Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación.

No entanto, non sería honesto rematar sen evidenciar que, a pesar do avanzado pola muller no terreo artístico, a desigualdade entre artistas mulleres e homes en Galicia segue a persistir. Así o advirte o último estudo realizado polo Consello da Cultura Galega Arte+Mulleres. Creadoras galegas (2015). As súas conclusións desvelan que "o recoñecemento artístico feminino segue sendo minoritario con respecto ao dos homes". Un feito que contrasta coa súa presenza en materia de formación (maioría na Facultade e escolas de arte ) e coa consecución dos expedientes académicos máis brillantes, mais logo estes datos non se equiparan co protagonismo que alcanzan no mundo profesional con respecto aos compañeiros masculinos. Daí, por tanto, que aínda quede moito que reivindicar e moito traballo a prol de visibilizar as artistas galegas e a incuestionable calidade das súas obras.

Exposicións
Santiago de Compostela, 30 de Marzo de 2018