Os contos de Lobicán | Espectáculo polo Día do Libro Infantil e Xuvenil
Un espectáculo musical en verso, áxil, atrevido e inspirador. Os contos de Lobicán, de Redrum Teatro e recente gañador do Premio María Casares de Monicreques e Obxectos Animados, chega á Biblioteca de Galicia con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
Esta proposta escénica, cun texto de Eva Mejuto que foi gañador do XV Premio Barriga Verde 2022, dálle unha volta aos contos clásicos para transmitir valores universais como a cooperación, a amizade, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación.