A Vía da Prata. Aires do Sur | Madrid

A Vía da Prata. Aires do Sur intérnase nas rutas xacobeas a través da mirada fotográfica, propoñendo un percorrido desde Sevilla a Santiago de Compostela, a través de 150 anos de historia da fotografía. A exposición convídanos a reflexionar sobre a soidade, a distancia e o paso do tempo a través dun diálogo entre a fotografía do pasado e miradas máis contemporáneas.

As paisaxes, a vida nas prazas das vilas, os monumentos ou as escenas cotiás que conforman o itinerario da Vía da Prata volven ser motivo de inspiración baixo unha nova ollada nesta coidada selección de imaxes comisariada pola historiadora, guionista e documentalista Lucía Laín. Logo de ser visitada por máis de 20.000 persoas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Cáceres e en Ourense, a mostra recala agora na Casa de Galicia en Madrid, onde pode verse entre abril e maio de 2025.

1.000 km e 150 anos

A Vía da Prata esténdese ao longo de máis de mil quilómetros, desde Sevilla a Santiago de Compostela, atravesando terras de Andalucía, Estremadura, Castela e León e Galicia. Nesta exposición, percórrense nun carrusel fotográfico que vai de finais do século XIX ata os nosos días. Un total de 75 instantáneas de grandes mestres da arte fotográfica e figuras emerxentes que espertan a memoria, reivindican festas e tradicións e descobren a realidade menos coñecida de pequenas localidades que atravesa o Camiño.

Obras de grandes clásicos como Jean Laurent —pioneiro da fotografía que no s.XIX documentou a transformación de España e de Madrid— J. Poujade, José Suárez, Otto Wunderlich ou Nicolás Muller sucédense nun interesante diálogo coa mirada actual de fotógrafos e fotógrafas do noso presente conformando un único relato. A través das súas lentes podemos profundar na realidade de pequenas localidades, algunhas aínda descoñecidas e outras cada vez máis transitadas, e captar as miradas e costumes das súas xentes. Os premios nacionais de fotografía Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto, e nomes como os de Carmenchu Alemán, Ana Turbau, Atín Aya, José Manuel Navia, Luis Vioque, Brais Lorenzo, Antón Buciños, Miguel Muñiz ou Vicente Tofiño, entre outros, son tan só uns exemplos.

Un diálogo visual entre a fotografía histórica e a contemporánea para movernos á reflexión sobre o tránsito, sobre canto cambia e canto permanece ao longo do tempo.

Artistas

Jean Laurent
Jean Poujade
José Suárez
Nicolás Muller
Onieva
Otto Wunderlich
Martínez Hebert

Ana Turbau
Andrés Marín
Antón Buciños
Atín Aya
Brais Lorenzo
Carmenchu Alemán
Cristina García Rodero

Fernando Manso
Iñaki Matilla
José Manuel Navia
Juan Manuel Báez Mezquita
Juan Manuel Castro Prieto
Laura Martínez Lombardía
Luis Vioque

M. Castro Baro
Manuel G. Vicente
Miguel Muñiz
Roberto de la Torre
Tere Fernández
Vicente Tofiño
Yorgos Karailias

 

Coleccións

A recuperación e exhibición desta selección é posible grazas ao traballo de museos, arquivos e coleccionistas que contribúen de maneira decisiva á conservación e transmisión do patrimonio vivo das rutas xacobeas. Á vez, este proxecto expositivo reivindica a fotografía documental como unha ferramenta contra a banalización visual e unha chamada a contemplar devagar a realidade.

  • Arhivo Atín Aya
  • Archivo General de la Administración, Fondo Patronato Nacional de Turismo. Ministerio de Cultura
  • Arquivo José Suárez
  • Biblioteca Nacional de España
  • Archivo Ruiz Vernacci. Instituto del Patrimonio Cultural de España, Ministerio de Cultura
  • Archivo Regional de la Comunidad de Madrid (Fondo Nicolás Muller)
  • Institut d’Estudis Fotogràfics de Catalunya, Colección Roisin

 

«A travesía dun verso»

Como unha forma máis de contribuír á difusión do patrimonio do Camiño de Santiago, as fotografías combínanse con textos literarios de destacados escritores e escritoras das letras españolas e galegas, que atoparon a inspiración na peregrinación e nos lugares que atravesa a Vía da Prata. Así, atopamos reflexións de autores como Elio Antonio de Nebrija, Rodrigo Caro, Gustavo Adolfo Bécquer, Rosalía de Castro, Carolina Coronado, Miguel de Unamuno ou Luis de Góngora, entre outros.

A mostra complétase coa peza audiovisual A travesía dun verso, producida de maneira exclusiva para esta exposición polo Laboratorio NUMAX con guión de Lucía Laín. Nesta curtametraxe, que pode verse na sala e tamén na canle de Youtube da Cidade da Cultura, desprazámonos nun carrusel de imaxes e música que nos fai avanzar a través do ecos da vida capturada nas fotografías. En cada etapa, detémonos nos detalles dunha paisaxe, dun rostro, acompasados polos cantos e cancións tradicionais do folclore de Galicia, Estremadura e Castela e León —recuperadas de gravacións de vinilos antigos— e da guitarra flamenca de orixes galegas de Marcos Teira, que une de maneira definitiva o norte e o sur da Vía da Prata.

A comisaria: Lucía Laín

Historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballa como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e hemerográficos. Na actualidade é unha experimentada documentalista que chegou a comisariar máis de doce exposicións: Jordi Socías. Al final de la escapadaNocturnas, mientras la ciudad duerme; En la cinta del tiempo; El Rostro de las Letras; Santos Yubero; La Memoria del tiempo (con Publio López Mondejar) ou O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra.

Sobresae tamén o seu traballo como documentalista en producións audiovisuais como a longametraxe El honor de las Injurias (Carlos García Alix), Morente sueña la Alhambra (José Sánchez Montes), Granados. El último romántico, Nuria Espert. Una mujer de teatro (Arantxa Aguirre), Albéniz. El color de la música ou Marañón en Toledo, de José Luis López Linares, e na escritura de guións como Mariano Fortuny, el universo en una caja.

Navia. Arco de Caparra Las Purificás - Carmenchu Alemán