Un espectáculo musical en verso, áxil, atrevido e inspirador. Os contos de Lobicán, de Redrum Teatro e recente gañador do Premio María Casares de Monicreques e Obxectos Animados, chega á Biblioteca de Galicia con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
Esta proposta escénica, cun texto de Eva Mejuto que foi gañador do XV Premio Barriga Verde 2022, dálle unha volta aos contos clásicos para transmitir valores universais como a cooperación, a amizade, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación.
Lobicán é un animaliño curioso que goza explorando o bosque e compartindo momentos coa súa familia. A pesar da súa reticencia cara á escola e o estudo, Lobicán mostra un profundo interese por aprender sobre a natureza e o mundo que o rodea. Nai Lobicana pídelle levar unha torta ao avó, e mentres Lobicán está no bosque, atópase con Xiana, unha nena que busca o camiño cara á casa da súa tía Silvana. Sen importar as súas diferenzas, ambos establecerán unha forte amizade que os axudará a superar perigos e desafíos.
O espectáculo está inspirado no atractivo mundo de Wes Anderson onde as cores, a escenografía, o vestiario e a música tecen unha historia conmovedora que convida a nenos e nenas a reflexionar sobre o mundo que os rodea e imaxinar novas posibilidades dun futuro máis inclusivo.

