Serán’03. III Encontro Galego de Cultura Popular - Baile e música tradicional: pandeireteiras

A foliada regresa á Cidade da Cultura co Serán’03! Entre o 10 e o 12 de xuño, o III Encontro Galego de Cultura Popular encherá o Gaiás de baile e música cunhas protagonistas de excepción: as pandeireteiras. Hoxe en día é imposible entender a música galega sen a figura das pandeireteiras e o Serán’03 congregará a un milleiro de artistas e intérpretes arredor dun dos instrumentos fundamentais do noso folclore.

Podes consultar aquí o programa completo do Serán'03 ou, se o prefires, descargalo aquí en pdf.

Novamente con Quique Peón como director artístico, o Serán’03 convídate a tres días para a festa, para tocar e bailar, para reencontrarnos, celebrar a nosa cultura e amosar a todo tipo de público a creatividade e riqueza da nosa música e do noso baile:

  • Festival folclórico con sete destacados grupos de música e danza tradicional: A Ponte Vella, Donaire, Rebulir, Etnográfico das Mariñas, Trébede, Alxibeira, Ultreia.
  • Masterclasses profesionais de percusión e técnica vocal [PRAZAS LIMITADAS! Selecciona a que máis che interese na columna da dereita para reservar].
  • Gran foliadón con gaiteiros, pandeireteiras e artistas como Fransy e Davide, Faltriqueira, Óscar Ibáñez ou Livia Giaffreda.  
  • Festival Portas do Camiño, con pandeireteiras de diferentes zonas da Península polas que pasan as rutas xacobeas: Galicia, Portugal, Asturias, León...
  • Concerto de Coros históricos, con Cantigas e Agarimos e Cántigas da Terra.
  • Obradoiro familiar de serigrafía e estampaxe sobre tea.
  • Desfile de traxe tradicional: Da vila e da aldea, a cargo da Asociación Etnográfica Sete Espadelas.
  • Concerto especial para a cativada con Cé Orquestra Pantasma.
  • Espazo de feira con expositores vencellados á cultura popular: artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións, organización de festivais... etc.
  • Foliadiñas para cantar, tocar e bailar, nas que a cativada é a gran protagonista.
  • Dúas conferencias, sobre as Pandeireteiras de Mens e os festivais internacionais do folclore, e unha mesa redonda sobre a revolución das pandeireteiras na música galega.
  • Exposición Mantóns rameados, de panos antigos.

A pandeireta como protagonista

A pandeireta é en Galicia, xunto coa gaita, unha das iconas da música e o baile tradicional. É ademais un instrumento interpretado de forma maioritaria por mulleres: era empregada acompañando os seus cantos nas ruadas e festas tradicionais, pero foi quedando pouco a pouco en desuso tras a Guerra Civil.

Tras a aparición das pandeireteiras de Mens nos anos 70, produciuse unha progresiva incorporación de grupos de pandeireteiras nas agrupacións folclóricas, que xogaron un papel clave na reconstrución musical e estética deste instrumento. Hoxe en día é imposible entender o folclore e a música galega sen elas e por iso neste terceiro Serán, elas van ser as grandes protagonistas.

Dirección artística: Quique Peón

 A dirección artística do Serán corre a cargo –desde a súa primeira edición– do coreógrafo, investigador, intérprete e docente no ámbito da música e a danza tradicional galega, Quique Peón. A súa actividade profesional céntrase na investigación etnográfica cun extenso traballo de campo con centos de bailes, danzas, melodías e traxes que recuperou e cos que conseguiu importantes premios a nivel nacional e internacional. Mestre de mestres, dirixiu entre 1982 e 2020 o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina. Na actualidade, dirixe o grupo Alxibeira e compaxina a súa faceta de investigador, intérprete e docente no ámbito tradicional coas súas inquietudes interpretativas e as novas experiencias creativas dentro da compañía profesional "Quique Peón Cía."