Curie ou a simetría dos fenómenos físicos | Teatro na Biblioteca de Galicia con motivo do Mes da Ciencia

Unha vida guiada pola curiosidade, a paixón por descubrir e a vontade de non renderse nunca. A Biblioteca de Galicia trae, con motivo do Mes da Ciencia, este biopic poético que percorre a historia de Marie Curie, desde a infancia nunha Polonia ocupada e marcada pola pobreza ata converterse na primeira persoa en recibir dous Premios Nobel en disciplinas científicas diferentes.

A través de lembranzas, saltos temporais e evocacións, Marie reconstrúe os momentos que marcaron a súa vida: a chegada a París, o encontro con Pierre Curie, o amor, a investigación científica en condicións extremas, a maternidade, a viuvez e o seu papel durante a guerra. Unha viaxe por unha existencia extraordinaria, atravesada pola tenacidade, o desexo de coñecer e a resistencia fronte ás barreiras económicas, sociais e de xénero.

Pero esta non é só a historia dunha científica excepcional. É tamén un relato sobre os límites que impón a sociedade, os prexuízos cara ás mulleres e ás persoas migrantes, e o poder do coñecemento para transformar o mundo. A obra abre preguntas sobre a ciencia, o feminismo, a ética do progreso e a responsabilidade de descubrir.

Entre o rigor documental e unha linguaxe poética, o universo físico e o universo interior de Marie entrelázanse nunha metáfora de enerxía e expansión. O amor por Pierre e a súa paixón pola ciencia son dúas expresións dunha mesma forza: a necesidade de comprender o que nos rodea e de iluminar aquilo que aínda permanece na escuridade.

Escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, con asesoramento das biógrafas oficiais Belén Yuste e Sonnia Rivas, a obra constrúe un universo escénico propio. Caixóns, mesas, encerados e proxeccións transforman o espazo nun gabinete de curiosidades que se converte, diante do público, en laboratorios, rúas de París e lugares da memoria. Unha escenografía viva que acompaña os personaxes nunha coreografía constante.

Con Vicky Sas no papel de Marie e Elisardo de la Cruz como Pierre, esta proposta achega a figura de Marie Curie desde a súa dimensión máis humana: a dunha muller que, movida pola curiosidade e a determinación, fixo da súa vida unha procura incansable de coñecemento.

 

 
Música & Escena