Galicia, un relato no mundo

Galicia, un relato no mundo explora a interacción entre o territorio histórico galego e o resto do mundo nun percorrido que nos leva desde a prehistoria ata a actualidade. Concibida como a primeira de tres grandes exposicións da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, centrarase nas relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo.

No marco da exposición chegarán por vez primeira a Galicia destacadas pezas de alto valor simbólico para a historia e a cultura do noso país e que se atopan en prestixiosas coleccións museísticas en distintos recantos do mundo. O público galego terá así a oportunidade única de contemplar nunha mesma mostra obras chegadas de institucións de referencia como a Cambridge University- Parker Library, a Biblioteca Apostólica Vaticana, a Biblioteca de Arezzo en Italia ou o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal.

Así, a mostra ofrecerá ao público galego a posibilidade de contemplar obras como dous Códices Calixtinos: os Liber Sancti Iacobi da Biblioteca Vaticana e da Universidade de Salamanca –dous dos tres únicos calixtinos iluminados ademais do orixinal de Santiago que se conservan no mundo–. 

Chegarán por primeira vez a Galicia obras como o Libro das Invasións –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o personaxe lendario que avistou Irlanda desde o faro de Brigantia e figura destacada no propio Himno Galego, que converte Galicia no Fogar de Breogán–; o Cancioneiro da Vaticana –peza imprescindible da lírica galaico-portuguesa– ou o Mapa de Sawley, considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos que na época do Pórtico da Gloria (s.XII) representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa.

+ Consulta información polo miúdo sobre as pezas destacadas premendo aquí

Unha viaxe interactiva

Comisariada polo xornalista, profesor e divulgador Manuel Gago Mariño, Galicia, un relato no mundo examina o papel de diferentes culturas, pobos e grandes eventos históricos na conformación da historia e da identidade galega. Tamén as relacións e a profunda conexión da comunidade galega con outros países –sobre todo europeos e americanos– rompendo co mito de illamento e periferia e explorando o papel e o impacto de Galicia no mundo.

Cuestións como a innovación tecnolóxica, as tendencias culturais e artísticas, as transformacións políticas, a integración de pobos e culturas, a influencia de vías de comunicación históricas como a peregrinación a Santiago de Compostela, os grandes movementos migratorios da Europa do século XIX e XX e a internacionalización crecente da economía galega serán aspectos que estarán moi presentes no relato da exposición.

Galicia, un relato no mundo como mecanismo expositivo baséase na propia idea de exploración por parte dos usuarios e usuarias que, a través de solucións de montaxe gráficas e interactivas, deciden en cada momento canta información queren recibir. Tecnoloxías como sensores de movemento e presenza, sistemas inmersivos, proxeccións interactivas e realidade aumentada terán un destacado peso na construción do relato expositivo.