Galicia, un relato no mundo

Galicia, un relato no mundo explora a interacción entre o territorio histórico galego e o resto do mundo nun percorrido que nos leva desde a prehistoria ata a actualidade. Concibida como a primeira de tres grandes exposicións da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, centrouse nas relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo.

A exposición agrupou numerosas pezas de alto valor simbólico para a historia e a cultura do noso país, conservadas en prestixiosas coleccións museísticas de todo o mundo como a Cambridge University- Parker Library, as Bibliotecas Bodleian da Universidade de Oxford, o Museo do Prado, a Biblioteca Vaticana, a Biblioteca de Arezzo en Italia ou o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal. En moitos casos, chegaron a Galicia por vez primeira para seren exhibidas nesta mostra, comisariada polo xornalista, profesor e divulgador Manuel Gago Mariño.

VISITA VIRTUAL Á EXPOSICIÓN

Galicia, un relato no mundo traspasa as fronteiras do Museo Centro Gaiás e continúa o seu percorrido grazas ás novas tecnoloxías! Para achegar os seus contidos a todas as persoas que quedaron sen posibilidade de descubrir a exposición de maior éxito da Cidade da Cultura, lanzamos unha visita virtual para gozar dela desde a pantalla. Preme AQUÍ e comeza a viaxe

A mostra, que pechou as súas portas oficialmente o 12 de abril --aínda que non puido recibir visitas desde o 13 de marzo por mor do peche dos museos declarado pola pandemia do COVID-19-- congregou un total de 43.035 visitantes, o que supón unha media de 426 visitantes ao día, cifra récord no rexistro do Museo Centro Gaiás. A visita virtual dá continuidade a esta exposición máis alá do Museo Centro Gaiás, ofrecendo a posibilidade de navegar desde o ordenador ou dispositivos móbiles entre as máis de trescentas pezas da exposición. Ademais, incorpora un ampla variedade de contidos extra para enriquecer a experiencia.

CONSULTA EN LIÑA O CATÁLOGO DA EXPOSICIÓN

 

Para que revivas esta apaixonante mostra desde a casa ofrecémosche de balde e en liña o catálogo de Galicia, un relato no mundo. Norte, sur, leste e oeste son os títulos dos catro bloques que artellan os diferentes textos especializados a través dos que o lector pode percorrer tematicamente as máis de 300 pezas recollidas na exposición ao longo das súas 278 páxinas. Chamado a converterse en obra de cabeceira, conta con textos de prestixiosos intelectuais, académicos e expertos, entre os que atopamos por exemplo ao escritores Nélida Piñón e Robert MacFarlane.

VÍDEOS PARA MERGULLARSE NUNHA MOSTRA IMPRESCINDIBLE

Explora a lista de reprodución para dar un paseo pola exposición, descubrir a historia dalgunhas das pezas senlleiras da mostra, ou ver a complexa instalación en sala dunha obra da envergadura do Guerreiro castrexo de Lesenho. Ademais, podes consultar aquí en enlace directo algunhas píldoras audiovisuais destacadas:

  • O Cap Norte: A música (o patrimonio inmaterial galego) que cruzou o Atlántico destino América da man e dos instrumentos dos nosos e nosas emigrantes.
  • O Mapa de Sawley: se che preguntasen cal era o maior "emblema publicitario" de Galicia hai oito séculos que contestarías?
  • Os Adeuses: a emigración galega a América cobra vida da man da man da realidade virtual e nas verbas dalgúns dos seus protagonistas.
  • As músicas da emigración: a fonda pegada de América na nosa música tradicional: onde escoitar unha muiñeira na Habana?
  • A creación do 'fin da terra'Fronte á idea —tan arraigada—, de illamento e de periferia, dun xeito ou doutro Galicia dialogou con outros territorios e culturas xa desde a Prehistoria.
  • A bandeira galega que a emigración escolleu: a bandeira do porto da Coruña que ondeou no Centro Galego da Habana.
  • A Biblia Kennicott: descubre esta xoia da iluminación medieval co comisario Manuel Gago e ollando un dos magníficos facsímiles desta Biblia sefardí única, creada na Coruña.

PEZAS DESTACADAS DA EXPOSICIÓN

A mostra ofreceu ofrece ao público galego a posibilidade de contemplar obras como a Biblia Kennicott –unha das biblias xudías máis valiosas, creada no s.XV na Coruña–; a Santa de Asorey –que o propio escultor cambadés cualificou como a obra da que estaba máis satisfeito– dous Códices Calixtinos: os Liber Sancti Iacobi da Biblioteca Vaticana e da Universidade de Salamanca –dous dos tres únicos calixtinos iluminados ademais do orixinal de Santiago que se conservan no mundo–. 

Chegan por primeira vez a Galicia obras como o Libro das Invasións –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o personaxe lendario cuxo fillo Ith avistou Irlanda desde o faro de Brigantia, e figura destacada no propio Himno Galego, que converte Galicia no Fogar de Breogán–; o Cancioneiro da Vaticana –peza imprescindible da lírica galaico-portuguesa– ou o Mapa de Sawley, considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos que na época do Pórtico da Gloria (s.XII) representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa.

+ Consulta información polo miúdo sobre as pezas destacadas premendo aquí

O PAPEL E IMPACTO DE GALICIA NO MUNDO

Comisariada polo xornalista, profesor e divulgador Manuel Gago Mariño, Galicia, un relato no mundo examinou o papel de diferentes culturas, pobos e grandes eventos históricos na conformación da historia e da identidade galega. Tamén as relacións e a profunda conexión da comunidade galega con outros países –sobre todo europeos e americanos– rompendo co mito de illamento e periferia e explorando o papel e o impacto de Galicia no mundo.

Cuestións como a innovación tecnolóxica, as tendencias culturais e artísticas, as transformacións políticas, a integración de pobos e culturas, a influencia de vías de comunicación históricas como a peregrinación a Santiago de Compostela, os grandes movementos migratorios da Europa do século XIX e XX e a internacionalización crecente da economía galega foron tamén aspectos moi presentes no relato da exposición.

UNHA EXPERIENCIA INTERACTIVA

Galicia, un relato no mundo concibiu as novas tecnoloxías como un elemento central do relato da exposición, empregando sistemas como realidade virtual e aumentada e dispositivos de detección sensorial. A mostra conseguiu así expandir os obxectos e as historias, traéndoas ao presente e crebando as dificultades de acceso a libros e outros obxectos distanciados do visitante por barreiras de lectura ou de imposibilidade de manipulación.

As persoas visitantes viron o seu corpo convertido na interface tecnolóxica que lles permitiu navegar entre as distintas capas de información que a exposición ofrecía, decidindo en cada momento canto querían profundar no relato. Entre outras aplicacións, a mostra convertiu a arquitectura do Museo Centro Gaiás –a través de realidade virtual– nun transatlántico da emigración galega a América; permite dar vida a todo un universo da Galicia medieval empregando tecnoloxías propias dos videoxogos; recreou o templo no que se atopa a referencia ao pobo dos galaicos máis distante –o Sebasteion das Afrodisias en Turquía– ou fusionou linguaxes tan distintas e afastadas no tempo como os códices medievais e a estética propia do cómic e do graffiti.

+ Podes ler aquí máis polo miúdo sobre as aplicacións interactivas de Galicia, un relato no mundo

'VISITA FIADA' A TRAVÉS DE TWITTER

Visita comentada en liña da man de Miguel Ángel Cajigal (@elbarroquista) e Xoán Escudero (@FAremberg), dous dos nosos compañeiros do Servizo de Educación, Mediación, Información e Asistencia ao público do Museo Centro Gaiás. Grazas ao seu enxeño emprendemos un divertido percorrido por algunhas das pezas imprescindibles desta exposición única e descubrimos as historias que agochan. Se non a seguiches en directo a través da nosa canle en Twitter, podes recuperala aquí:

 
Exposicións
 
26 XUÑ - 25 OUT
De 10 a 20 horas
ATA O 30 SET
De 9 a 21 horas
22 XUL 2020 - 10 XAN 2021
De 10 a 20 horas
3 OUT 2020 - 17 XAN 2021
De martes a domingo | De 10 a 20 h
6 NOV - 4 ABR
De 10 a 20 horas