Visita virtual a 'Os brancos segredos do seu ventre'

A exposición Os brancos segredos do seu ventre, que o Museo Centro Gaiás acolleu entre marzo e setembro de 2021, estrea visita virtual! Esta escolma de 53 de obras procedentes da Fundación Rac comisariada por Bea Espejo, supuxo exhibir por vez primeira en Galicia, fóra da súa sede en Pontevedra, unha selección desta colección, unha das máis importantes en Galicia de arte contemporánea. Agora, podes visitala tamén no espazo dixital!

Unha viaxe cromática

Bea Espejo opta para este proxecto por una reflexión sobre a cor, un dos temas nos que pon o foco a colección, cunha selección cromática que arranca co branco e acaba co negro. Unha selección de dez pezas destacadas escollidas pola propia comisaria, axúdanos a percorrer esta viaxe cromática.

Deste xeito, na mostra exhíbense obras de recoñecidos artistas internacionais da arte contemporánea, como son Tracey Moffatt, Juliâo Sarmento, John BaldessariJoseph BeuysTacita DeanRoman Signer, Sofía Táboas ou Ernesto Neto. Nesta escolma tampouco faltan artistas españois con repercusión internacional, como Ignasi Aballí —autor do proxecto que representará a España na vindeira Bienal de Venecia — Carmen CalvoEulalia Valldosera ou Pepe Espaliú.

En canto a presenza de galegos, é importante na colección de Carlos Rosón a incorporación de obras de Diego Santomé, presente xunto a pezas de Rosendo Cid, Marcos Covelo, Sara Coleman e da recoñecida Ángela de la Cruz, Premio Nacional de Artes Plásticas e candidata aos Turner, os premios de arte máis coñecidos e prestixiosos do Reino Unido que outorga anualmente a Tate de Londres .

 

Contidos audiovisuais

A visita virtual reproduce tamén os contidos audiovisuais presentes na mostra, que acompañan ás obras de Roman Singer, Haus, e de Iván Navarro, Homeless lamp, the Juice Sucker.

 

A comisaria 

Bea Espejo é crítica de arte e comisaria. Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Barcelona e Máster en Crítica de Arte e Comunicación pola Universidade de Xirona, é a directora de I Programa de Artes Visuais Madrid45 da Comunidad de Madrid e a responsable de arte do suplemento Babelia de El País. Traballou na xestión e o comisariado de exposicións, a próxima o próximo maio en Azkuna Zentroa, en Bilbao, cunha ampla revisión do traballo de Ana Laura Aláez. Formou parte do equipo da galería Estrany-la Mota (Barcelona) e de Urroz Proyectos (Madrid), e desde o 2000 publica en diversos medios especializados e catálogos de exposicións. Entre as mencións ao seu traballo destaca o premio GAC 2017 á crítica de arte. O seu próximo proxecto curatorial levaraa, xunto a Ignasi Aballí, ao Pavillón de España da Bienal de Venecia de 2022.

A Fundación RAC

A Fundación RAC, situada en Pontevedra, fundada por Carlos Rosón, atesoura máis de trescentas obras de 170 artistas, entre os que se atopan algúns dos nomes máis relevantes da creación actual, tanto nacional como internacional. Declarada de Interese Galego pola Xunta de Galicia, esta colección é unha das máis relevantes de España no eido da arte contemporánea. O traballo da Fundación Rac na conservación e promoción da creación artística fíxoa merecedora de galardóns tan relevantes como o Premio Arte e Mecenado da Obra social "la Caixa" no ano 2018, distinción de referencia coa que se premia o compromiso privado co sistema artístico.

Carlos Rosón é o presidente da Fundación Rosón Arte Contemporánea (RAC) desde a súa creación en 2007 é arquitecto de formación e grande afeccionado á arte desde novo. A súa colección, da que amosamos nesta mostra unha escolma, comezouna en 1993, obtendo o Premio da Fundación ARCO ao Coleccionismo Nacional Corporativo no ano 2009. Pertence a organizacións e institucións vencelladas coa arte contemporánea como membro; do Padroado do CGAC, da Asociación de Coleccionistas Privados de Arte Contemporánea 9915, do Instituto de Arte Contemporánea e do Padroado da Fundación ENAIRE e tamén é membro do Comité Asesor da Fundación ARCO. Docente en másters sobre arte, museoloxía e crítica contemporánea e na UIMP de Santander (2015), ten tamén comisariado exposicións, ademáis de exercer de asesor de coleccións de arte e ter sido xurado de artes plásticas.

 
 
8 Set 2022 - 21 Xuñ 2023
10.00 h | 12.00 h | 12.30 h | 13.00 h | 16.00 h
27 Set - 18 Dec de 2022
De 10.00 a 20.00 horas
30 Set - Nov 2022
De 9.00 a 21.00 horas
Ata o 18 Dec 2022
11.30 horas
25 Set, 23 Out e 27 Nov 2022
Ás 11.40 horas
25 Set | 23 Out | 27 Nov
12.00 h
23 Out 2022
Ás 12.00 horas
27 Nov 2022
Ás 12.00 horas