A Biblioteca de Galicia será o escenario da mostra bibliográfica O Videoxogo Galego: unha viaxe interactiva por 40 anos de patrimonio cultural que nace con motivo do Día das Bibliotecas 2026. A exposición reúne máis de 60 pezas, entre videoxogos, libros, artigos, materiais interactivos e audiovisuais e obxectos promocionais, para percorrer a evolución do sector en Galicia desde os seus inicios ata a actualidade.
A mostra ofrece unha ollada cultural, histórica e social ao videoxogo galego, máis alá da súa dimensión como industria creativa ou forma de entretemento. A través das obras, das persoas creadoras e dos diferentes contextos tecnolóxicos e educativos, permite coñecer a evolución do sector e a súa relación coa cultura e coa identidade galegas.
O percorrido organízase en once bloques cronolóxicos e temáticos que abranguen catro décadas de historia. Comeza con The Wall (1986), considerado o primeiro videoxogo galego e pioneiro na súa integración nos circuítos profesionais españois, e continúa cos desenvolvementos dos anos 90 e comezos do século XXI. Nesta etapa destacan Cuban Mission, o primeiro videoxogo comercializado en galego; Merliño, que acadou unha ampla distribución nas escolas; e Glest, referente do código aberto e da innovación técnica en 3D.
A viaxe chega ata a actualidade, marcada pola profesionalización do sector e a distribución dixital global. Entre as creacións máis recentes figuran o recoñecido Yuppie Psycho, a saga automobilística Super Woden e propostas académicas como Gelatina is Hungry, exemplos da diversidade e da proxección do videoxogo galego.
O proxecto nace da colaboración entre a Biblioteca de Galicia e a Fundación Museo do Videoxogo (MUVI) e combina fondos propios da Biblioteca con pezas cedidas polo museo. A exposición incorpora vídeos, demostracións automatizadas, secuencias de xogo e recursos dixitais que permiten achegarse a estas obras desde unha perspectiva visual e interactiva, ao tempo que contribúe á visibilización, preservación e contextualización do patrimonio videolúdico galego.















