Visita virtual á exposición 'A Vía da Prata. Aires do Sur'

A exposición A Vía da Prata. Aires do Sur, que o Museo Centro Gaiás acolleu entre xuño e setembro de 2022, pode visitarse tamén en liña a través dunha completa visita virtual. Este proxecto continúa a serie expositiva iniciada por O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra (Cidade da Cultura, outubro 2021- abril 2022) que se adentra nas rutas xacobeas a través da ollada fotográfica. Comisariada pola historiadora, guionista e documentalista Lucía Laín, esta segunda mostra reflexiona sobre a diversidade e a interrelación entre tradicións e culturas, sobre a soidade, a distancia e o paso do tempo cunha ollada que vai desde o presente cara ao pasado.

Camiño ancho, vertebrador, camiño de camiños, a Vía da Prata encontra no porto universal de Sevilla o seu punto de partida cara ás terras do norte. Un percorrido a través de 1.000 quilómetros e 150 anos de historia da fotografía para redescubrir, agora tamén en liña, o patrimonio monumental e histórico dunha das rutas que mellor encarna a riqueza e a diversidade dos itinerarios xacobeos.

Visita Virtual 'A Vía da Prata. Aires do Sur'

A visita virtual reproduce o interior do andar 3 do Museo Centro Gaiás e permite contemplar en detalle cada unha as 140 imaxes de 40 fotógrafos e fotógrafas que conforman este relato, no que os grandes clásicos dialogan coas instantáneas capturadas por artistas e documentalistas do noso presente.

Neste diálogo visual entre fotografía histórica e contemporánea atopámonos con estudos e artistas que fotografaron os camiños e as xentes da Vía da Prata desde finais do século XIX, e que forman xa parte da nosa memoria, como António Passaporte, Aurélio da Paz dos Reis, Enrique Guinea, J. Lacoste, Jean Poujade, Jean Laurent, José Suárez, Juan Miguel Pando Barrero, Luis Agromayor, Manuel Cuenca, Martínez Hebert, Nicolás Muller, Otto Wunderlich, Jaime Pacheco, R. Onieva, Ramón Parada Justel e Roberto Arranz.

Xunto ás súas imaxes, a exposición inclúe traballos de artistas da fotografía contemporánea como os premios nacionais Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto, e tamén Anna Turbau, Andrés Marín, Antón Buciños, Atín Aya, Brais Lorenzo, Carmenchu Alemán, Fernando Manso, Iñaki Matilla, Javier Berasaluce, José Manuel Navia, Juan Manuel Báez Mezquita, Laura Martínez Lombardía, Luis Vioque, M. Castro Baro, Manuel G. Vicente, Miguel Muñiz, Roberto de la Torre, Tere Fernández, Vicente López Tofiño e Yorgos Karailias.

Visita Virtual 'A Vía da Prata. Aires do Sur'

A fotografía conxúgase con textos literarios de grandes escritores e escritoras das nosas letras, como Manuel Curros Enríquez, Vicente Risco, Sofía Casanova, etc.; e tamén de outros que desde a distancia atoparon a inspiración nesta mesma peregrinación, como Federico García Lorca ou Antonio Machado, entre outros. Ademais, a peza audiovisual A travesía dun verso, producida de maneira exclusiva para a mostralévanos de viaxe a través do ecos da vida capturada nas imaxes, acompasados polos cantos e cancións tradicionais do folclore de Galicia, Estremadura e Castela e León, e da guitarra flamenca de orixes galegas de Marcos Teira, que une de maneira definitiva o norte e o sur da Vía da Prata.

A comisaria: Lucía Laín

Historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballa como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e hemerográficos. Na actualidade é unha experimentada documentalista que chegou a comisariar máis de doce exposicións: Nocturnas, mientras la ciudad duerme, En la cinta del tiempo, El Rostro de las Letras, Santos Yubero, La Memoria del tiempo (con Publio López Mondejar) ou O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, que foi visitada por máis de 21.000 persoas na Cidade da Cultura.

Sobresae tamén o seu traballo como documentalista en producións audiovisuais como a longametraxe El honor de las Injurias (Carlos García Alix), Morente sueña la Alhambra (José Sánchez Montes), Granados. El último romántico, Nuria Espert. Una mujer de teatro (Arantxa Aguirre), Albéniz. El color de la música ou Marañón en Toledo, de José Luis López Linares, e na escritura de guións como Mariano Fortuny, el universo en una caja.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h