O Arquivo de Galicia inaugura a exposición Mulleres sobranceiras. Luísa Villalta. Música, palabra e compromiso, grazas á recente doazón do arquivo persoal da autora por parte da súa familia. Esta doazón converte ao Arquivo nunha das institucións de referencia para o estudo da figura de Luísa Villalta e permite achegar ao público a vida e obra dunha das intelectuais máis brillantes da súa xeración.
A mostra reúne máis de 60 pezas entre as que se atopan apuntes e borradores da súa obra, correspondencia con escritores e escritoras, así como folletos e programas de actos nos que participou. O percorrido expositivo permite descubrir as diferentes facetas dunha muller que destacou como música, escritora, tradutora e docente, e que practicou múltiples xéneros literarios: poesía, teatro, ensaio e xornalismo de opinión. En todas elas emerxe sempre a súa paixón, o seu compromiso e a súa mirada crítica e sensible.
Ademais, complétase coa exposición de algunhas das súas publicacións, procedentes da súa biblioteca persoal e do fondo da Biblioteca de Galicia, ofrecendo unha visión máis completa do seu legado intelectual e cultural.
A mostra está comisariada polos técnicos do Arquivo de Galicia Miguel López Sánchez e María del Mar García Miraz, e forma parte da iniciativa que desde 2016 o Arquivo desenvolve con motivo do Día Internacional da Muller: inauguracións de exposicións temporais que poñen en valor o papel das mulleres ao longo da historia.
Esta exposición é unha oportunidade única para mergullarse na vida, obra e compromiso de Luísa Villalta, e para recoñecer a importancia do seu legado na cultura galega e no pensamento contemporáneo.














