A exposición Francisco Asorey, unha recuperación necesaria afonda desde unha óptica contemporánea no complexo mundo creativo do seguramente máis destacado escultor de Galicia e un dos renovadores da arte escultórica española do século XX. A elección de Francisco Asorey como artista ao que a Real Academia Galega de Belas Artes dedicou o Día das Artes 2024 propicia acometer este proxecto dentro da programación do Museo Centro Gaiás, dando continuidade a unha liña de traballo fundamental da Cidade da Cultura na reivindicación de personalidades imprescindibles na historia da arte contemporánea galega.

Comisariada por Miguel Fernández-Cid e coordinada por Carmen Asorey —neta do artista e figura esencial na reivindicación da súa obra e vida— Francisco Asorey, unha recuperación necesaria reúne unha selección das obras máis importantes do escultor. Desde as pezas iniciais nas que podemos apreciar as súas primeiras eleccións estéticas, ata as esculturas en madeira nas que desenvolve unha iconografía de claras raíces populares e un tratamento singular da policromía, así como tamén a súa obra monumental, presente en toda a xeografía galega.
En total, medio centenar de esculturas e ao redor dunha decena de escaiolas, xunto con debuxos, audiovisuais, documentos da época e ferramentas de traballo, ademais das cerámicas coas que se popularizaron algunhas das súas obras máis significativas, para contextualizar e dar a coñecer da maneira máis completa a relevancia artística e histórica de Asorey.
A mostra conta con obras procedentes de numerosos museos, centro culturais e relixiosos, como Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o Museo de Pontevedra, o Museo Provincial de Lugo, o Museo de Belas Artes da Coruña ou a Universidade de Santiago de Compostela, así como coleccións privadas de Gernika, Barcelona e Madrid, entre outras.
As claves dun renovador da arte escultórica
O relato expositivo segue un percorrido organizado por bloques temáticos que permiten unha mellor comprensión das preocupacións, intereses estéticos, evolución estilística e proceso creativo de Asorey. Cada espazo enténdese como unha chamada de atención na súa traxectoria: os monumentos civís, a escultura relixiosa, os retratos e os usos da cor na pedra, o desenvolvemento dunha nova forma de policromía, a obra en madeira e a representación da identidade galega a través da figura da muller.
Entre as pezas destacadas inclúense algúns dos seus primeiros traballos máis notables, como Lo Jondo (1914) e Cabaleiros negros (1915); a escultura de San Francisco que lle valeu a primeira medalla na Exposición Nacional de 1926 e tamén as esculturas femininas Naiciña (1921), Ofrenda a San Ramón (1923) e O Tesouro (1924), nas que sintetiza os valores da cultura popular galega e reivindica a resistencia do rural. Tamén o espectacular Cristo de Moià (1952), unha obra de madurez na que parte dos valores románicos para presentar unha crucifixión desacougante e reflexiva á vez sobre o sufrimento e a inmortalidade.

Asorey, entre o popular e o universal
Logo de formarse entre Barcelona, Barakaldo e Madrid, Asorey decidiu regresar a Galicia e establecerse en Santiago de Compostela. Desde alí, nos seus talleres na Rúa Caramoniña e tras Santa Clara, transformouse nunha especie de viaxeiro inmóbil, interior, coa escultura por eixo pero a mirada aberta ao mundo. Asorey representa a simbiose perfecta entre a tradición cultural galega e a ambición dunha arte universal. A súa obra conecta a Galicia rural e mariñeira coas grandes tendencias artísticas do século XX, integrando o realismo social, o simbolismo e a tradición barroca galega.
Conectou con intelectuais, escritores e poetas do seu tempo como Ramón Cabanillas, Antón Vilar Ponte, Castelao e Valle-Inclán, moitos deles asociados tanto ás Irmandades da Fala como á Xeración Nós. Aínda que non lle interesaba a acción política, a defensa dos valores propios da cultura galega e da educación como ferramenta para a prosperidade do país marcaron as súas afinidades. Este vínculo faise visible na exposición a través de esculturas e escaiolas de Asorey de escritores e de libros destes relacionados co artista.
Asorey gozou xa en vida dunha enorme popularidade e contou co apoio e admiración da crítica e coa popularidade obtida a través das reproducións en cerámicas, láminas e tarxetas postais con vistas dos seus monumentos e obras máis destacadas, que mesmo foron tomadas como imaxe publicitaria, nun recurso utilizado na época tamén con obras de Velázquez ou Goya.












