REGA 22 | Residencias artísticas do Gaiás

A Cidade da Cultura presenta o seu Programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA) para o 2022, unha das súas liñas de traballo máis ambiciosas para apoiar o talento e dar visibilidade á creación artística e cultural contemporánea, tanto galega como internacional, en liña cos obxectivos do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura 2021-2027.

A través das REGA, a Cidade da Cultura pon á disposición de artistas, creadoras e creadores 4 recursos fundamentais para o desenvolvemento da súas propostas: tempo, espazos, equipos técnicos e unha ampla rede de alianzas que enriquecen a propia experiencia da residencia artística e que poden tamén ampliar o impacto do seu resultado máis aló do Gaiás. En 2022, REGA dará acubillo a 23 propostas multidisciplinarias de vangarda nas que teñen cabida desde a danza e as artes escénicas, ata a música, a literatura, as artes plásticas ou audiovisuais e tamén, como novidade este ano, a creación dixital e os videoxogos.

O programa #REGA22 constrúese a través dun proceso aberto e participativo con persoas, colectivos e institucións comprometidas coa creación contemporánea entre as que se inclúen o Centro Dramático Galego, o colectivo RPM, a asociación cultural AÏS e o RESIS Festival e a Universidade de Vigo. Ademais, a Xunta de Galicia amplía as residencias artísticas deste ano cunha nova convocatoria para o segundo semestre que sumará catro proxectos máis a aqueles que están xa a dar os seus primeiros pasos na Cidade da Cultura.

FACENDO NOVOS CAMIÑOS

Facendo novos camiños é unha residencia artística incluída dentro da programación Xacobeo 21-22 e enmarcada no festival Escenas do Cambio. Coa premisa de crear pezas inspiradas no camiño e na idea de camiñar, convidamos a tres artistas de Galicia con proxección internacional para que desenvolvan as súas propostas en danza, artes performativas, música e artes escénicas na Cidade da Cultura. Mercé de Rande («MU-Danza. Unha muller que camiña»), Ramón Souto («NIHIL») e Mateo Feijóo («Sons do esquecemento ou a navalla do tempo») crearon tres pezas inéditas deseñadas especificamente para ser representadas no Gaiás dentro do festival Escenas do Cambio.

 

RESIDENCIA COMTECART

Residencia COMTECART 22 Residencia COMTECART é unha nova proposta ligada á creacion dixital e aos videoxogos que nace da colaboración entre a Cidade da Cultura e a Universidade de Vigo. Comunicación, tecnoloxía e arte son os tres piares sobre os que asenta esta iniciativa que busca dar pulo ao talento artístico, narrativo e tecnolóxico do alumnado universitario. Estudantes e titulados recentes traballaron de maneira intensiva entre marzo e abril para idear e deseñar un videoxogo baseado na novela de aventuras Arnoia, Arnoia, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Un proxecto pioneiro que bebe do transmedia e que tira proveito da experiencia do grupo de innovación educativa COMTECART e do talento máis novo.

 

CLÁSICAS DESFEITAS

Clásicas desfeitas 22 Clásicas desfeitas é un ciclo coproducido polo Centro Dramático Galego da AGADIC e a Cidade da Cultura que afonda en clásicos da literatura revisándoos e renovándoos desde a óptica contemporánea. En 2022, o Gaiás acolle en residencia os Volumes 4 e 5 do ciclo: «Arte sen guión», da compañía Galeatro, e «A barca do inferno», de Moving Compass. Ambos proxectos traballan sobre textos clásicos da literatura galega e portuguesa e do teatro medievais para presentarnos dúas anovadoras propostas que parten á procura de novos públicos empregando linguaxes e técnicas actuais do teatro de monicreques e da improvisación. O resultado tivo a súa estrea a finais de marzo na Cidade da Cultura.

 

RESIS EN RESIDENCIA

THE SELECTOR Froito da colaboración coa asociación cultural AÏS e o RESIS festival, a Cidade da Cultura acolle nas RESIS en Residencia o desenvolvemento dunha das propostas de vangarda que formarán parte da programación do festival e que se poderá ver no Museo Centro Gaiás do 22 de abril ao 1 de maio. «THE SELECTOR» é o título da obra á que o compositor e artista visual portugués Igor C. Silva, o percusionista alicantino Noè Rodrigo, e o colectivo de músicos especializados en música contemporánea Arxis Ensemble, deron forma durante a súa estadía no Gaiás. Trátase dunha instalación sonora inmersiva que traballa sobre o concepto de desmaterialización do tempo e do espazo, construíndo co son e a imaxe un xogo de percepción interactivo.

 

RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso 22 A Cidade da Cultura renova por segundo ano a súa colaboración coas Residencias Paraíso, programa anual impulsado polo Colectivo RPM co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais para apoiar o desenvolvemento de proxectos relacionados coa danza e as artes vivas. As Residencias Paraíso, diríxense a artistas de Galicia, do resto do territorio estatal e, como novidade este ano, tamén a artistas de Portugal. A Cidade da Cultura acolleu durante os meses de xuño e xullo, 2 das 8 propostas seleccionadas na convocatoria, nunha residencia compartida co Salón Teatro.

 

RESIDENCIA LITERARIA

Residencia Literaria Cidade da Cultura 2022 A Residencia Literaria da Cidade da Cultura materializa a aposta da Cidade da Cultura polo apoio á creación no campo das letras e da literatura. O diálogo, a escoita, a lectura e a posta en común son as bases dunha iniciativa na que participarán 10 autoras e autores emerxentes e inéditos de Galicia que compartirán dúbidas e aprendizaxes con figuras recoñecidas das letras actuais durante dúas semanas de estadía no Gaiás. Nesta segunda edición estarán acompañados de Javier Peña, director da residencia, e das autoras Ledicia Costas e Marta Sanz. A Residencia Literaria desenvólvese do 4 ao 16 de xullo de 2022.

 

CONVOCATORIA REGA 2º SEMESTRE

Convocatoria REGA 22

A convocatoria 2022 das Residencias artísticas do Gaiás - REGA seleccionou 4 proxectos artísticos e culturais vencellados ás artes visuais, artes escénicas, artes musicais e deseño. Os creadores e creadoras recibirán unha bolsa dotada con 8.000 euros para materializar as súas propostas e realizarán unha residencia de entre tres semanas e mes e medio na Cidade da Cultura. Os proxectos seleccionados nesta edición son: Man Verde, de Noa Rodríguez e Anna Stroe (artes visuais); Refugallos, de Inés Rodríguez (deseño); Compostela In-Audita, de Nacho Muñoz (música), (Z29.0), de Teatro et al. (escénicas).

 
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
30 nov 2023 a 28 Abr 2024
Martes ás 17.00 horas
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h
6 Abril 2024
Ás 11.30 horas e ás 16.30 horas
3 - 5 Mai 2024
Ata 19 Mar 2024
Convocatoria pechada
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h