[THE SELECTOR] é unha instalación que nos somerxe nun cuarto onde a información, seleccionada en vivo de Internet e actualizada de maneira constante, flúe a través de dúas pantallas e que, como espectadores, controlamos ao desprazarnos a través do espazo.
Inspirada na loita contra as fake news e a manipulación mediática, os sensores captan os movementos do público na sala para construír un titular aleatorio que se confronta na imaxe coas noticias do día. Correntes de información visual que se complementan coa música creada por Igor C. Silva e Arxis Ensemble para esta experiencia inmersiva.
Pode visitarse ata o día 1 de maio no andar 0 do Museo Centro Gaiás.
FICHA ARTÍSTICA
- Un proxecto de Igor C. Silva
- Intérpretes: Patricia Cadaveira, saxofón; Noè Rodrígo, percusión. Arxis Ensemble.
- Producida co apoio do programa de Residencias Artísticas do Gaiás - REGA 2022 en colaboración co RESIS festival e a Asociación Cultural AÏS.
Igor C. Silva
Compositor nacido en Porto e actualmente residente en Amsterdam, dedicado á electrónica á música dos novos medios. Foi Novo Compositor Residente na Casa da Música en 2012 e Compositor Residente nos Miso Music Studios en 2015. No 2018/19 foi compositor residente de Drumming GP. Recentemente, o seu traballo Plastic Air, para dúo flexible, electrónica e vídeo/luz gañou unha recomendación na tribuna internacional de compositores en Hungría (2018). Gañou tamén, entre outros, o 1º Premio no Concurso Internacional de Composición Electroacústica e Intermedial “eviMus” (Alemaña) e o 1º Premio no Concurso Internacional de Composição GMCL / Jorge Peixinho (Portugal).
Entre seus proxectos máis recentes salienta a estrea en Holanda dunha Ópera Multimedia, unha nova peza para ensemble e electrónica escrita para Trash Panda Collective e moitos outros concertos e estreas en Bélxica, España, EEUU, Portugal, Alemaña, Luxemburgo, Francia, Xapón, Reino Unido, Arxentina, etc. Graduado en Composición e máster en Composición e Teoría da Música pola Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo do Porto, máster en electrónica en vivo no Conservatorium van Amsterdam. Actualmente é candidato ao doutoramento en VUB (Bruxelas) e Koninklijk Conservatorium Brussel, onde tamén imparte clases no Aovivo Electronics Cours.
