A exposición Voces do Pacífico reúne máis de 200 obxectos procedentes das coleccións do British Museum, unha das máis relevantes de arte de Oceanía a nivel internacional. Nesta visita guiada, da man do equipo de Educación do Museo Centro Gaiás, poderedes achegarvos ás culturas do Pacífico situando os seus pobos no centro do discurso expositivo, descubrindo tanto pezas históricas como un conxunto significativo de obras de artistas contemporáneos oceánicos que reinterpretan e manteñen vivas as tradicións ancestrais.
A mostra estrutúrase en sete ámbitos temáticos que permiten afondar na diversidade cultural, artística e espiritual de Polinesia, Melanesia e Micronesia, abordando prácticas como o tecido, a danza, o tallado, a navegación ou as loitas polo territorio e os recursos.
Ao longo do percorrido, a exposición preséntase como un convite á reflexión e á acción, salientando a creatividade, a innovación e a resiliencia que caracterizan estas comunidades. Desde unha perspectiva contemporánea, o discurso establece unha conexión directa cos retos globais actuais, especialmente co impacto do cambio climático, que ameaza de forma crítica a supervivencia de moitas illas do Pacífico debido á subida do nivel do mar.
Deste xeito, Voces do Pacífico configúrase como un recoñecemento ás culturas oceánicas ancestrais como fonte de coñecemento fundamental para afrontar os desafíos medioambientais do presente.
Información a ter en conta
- De balde: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade. Tamén podes reservar no Punto de información do Museo.
- Nas fins de semana, a exposición acolle o o programa de visitas especiais Un océano de historias: navegando o Pacífico. Máis información e reserva de praza premendo AQUÍ.
- Tamén pode visitarse por libre, co apoio da nosa audioguía. Preme para escoitala no idioma correspondente: Audioguía GAL | Audioguía ES.
- Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
- Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.





