Residencia Literaria da Cidade da Cultura | Programa REGA 2022

A Residencia Literaria da Cidade da Cultura volve en 2022 para continuar prestando apoio e acompañamento a escritoras e escritores emerxentes e inéditos. Fundamentada no intercambio de experiencias e coñecementos, a Residencia Literaria constrúe no Gaiás un espazo que combate a soidade da creación literaria e a falta de guía e valoración externa que tantas veces enfrontan as autoras e autores noveis. 

O diálogo, a escoita, a análise, a lectura e a posta en común son as bases dunha estadía que conxuga o traballo sobre o proxecto literario propio co estudo dos traballos das compañeiras e compañeiros. Serán 12 días compartindo inquedanzas e consellos, críticas e eloxios, para axudar ao crecemento literario e persoal das persoas participantes, nun ambiente distendido de confianza e respecto mutuo. E haberá tempo tamén para conversar con outras autoras e autores, para visitar institucións e participar eventos vencellados ao mundo do libro e da literatura, e para explorar as conexións das letras con outras disciplinas artísticas.

O escritor e profesor de escritura creativa Javier Peña dirixe esta segunda edición da Residencia Literaria da Cidade da Cultura, que contará ademais coa participación de dúas escritoras destacadas das letras galegas e españolas: Ledicia Costas e Marta Sanz

Proxectos de narrativa

A Residencia Literaria está concibida para o desenvolvemento e mellora de proxectos persoais de narrativa orixinais e inéditos, en galego ou castelán. No momento da súa inscrición, o estado de desenvolvemento dos proxectos pode ser completo, (obra rematada inédita), intermedio (obra iniciada mais non completada) ou inicial (desenvolveuse a sinopse e o traballo previo, mais non se comezou a escrita). Poderán presentarse tanto novelas de ficción, novelas de non ficción (autoficción) e coleccións de relatos.

A participación está dirixida a persoas nadas ou residentes en Galicia e o prazo de inscrición está aberto ata o 22 de marzo de 2022. Consulta AQUÍ as bases completas da convocatoria.

Para calquera dúbida, pódese contactar co enderezo electrónico residencia.literaria.gaias@cidadedacultura.org.

Biografías

MARTA SANZ

Marta Sanz (Madrid, 1967) é doutora en Filoloxía e autora de novelas, contos, ensaios e poemas. Entre as primeiras destacamos El frío, Los mejores tiempos (Premio Ojo Crítico de RNE 2001), Susana y los viejos (finalista do Premio Nadal 2006), La lección de anatomía, a triloxía do detective Arturo Zarco —Black, black, black, Un buen detective no se casa jamás e pequeñas mujeres rojas, Premio Tenerife Noir 2020—, Daniela Astor y la caja negra (premios Tigre Juan, Cálamo-Otra mirada e Estado Crítico), Amor fou, Farándula (Premio Herralde 2016), Clavícula e a máis recente Parte de mí, que recolle o diario que a escritora foi compartindo en Instagram no primeiro ano da pandemia. Ten participado con relatos en volumes colectivos e obtivo o premio Vargas Llosa-NH, ademais de publicar Retablo un fermoso libro de relatos ilustrados por Fernando Vicente. O seu poemario Vintage foi Premio da Crítica de Madrid e a súa poesía completa será recollida en 2022 baixo o título Corpórea. Destacan tamén os seus ensaios No tan incendiario, Monstruas y centauras (Premio CEGAL 2018), e Enciclopedia Secreta. É editora do Libro de la mujer fatal e de Tsunami, volumen colectivo de textos feministas. Ademais, colabora con El País, a cadena SER e é docente en Escuela de escritores. 

 Marta Sanz

LEDICIA COSTAS

Ledicia Costas naceu e vive en Vigo. Conta con 21 libros publicados en 12 editoriais, xa que a súa obra foi traducida a linguas coma o coreano, o búlgaro, o persa ou o portugués, ademais do castelán. A publicación da súa primeira novela, escrita na adolescencia e titulada Unha estrela no vento, data do ano 2000. Dende entón recibiu importantes recoñecementos, coma o Premio Merlín de literatura infantil 2014 e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 por Escarlatina, a cociñeira defunta. Esta obra foi cualificada pola crítica coma "extraordinaria, humorística e rompedora, que destaca pola súa sinxela lectura, humor escalofriante e grande habilidade para desmitificar o tema da morte". Por Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta mereceu o Premio Lazarillo de creación literaria de 2015. En 2017 volveu gañalo coa novela A balada dos unicornios, converténdose na única autora galega en lograr en dúas ocasións este galardón. En 2019 publicou Infamia, novela cunha gran recepción entre o público adulto que vai pola 7ª edición e foi o libro máis lido nos clubes de lectura de Galicia da ESO no curso 2019-2020. Recibiu o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria no ano 2020 pola súa traxectoria. En 2021 publicou Golpes de Luz, a súa segunda novela para adultos. 

 Ledicia Costas

JAVIER PEÑA

Escritor, xornalista e profesor de escritura creativa, deuse a coñecer coa súa novela de debut, Infelices (Blackie Books, 2019), que foi elixida entre as mellores do ano por críticos de medios de comunicación como a Cadena SER, RNE, La Voz de Galicia ou Zenda. No pasado mes de setembro publicou a súa segunda novela, Agnes (Blackie Books, 2021), que tamén se coou entre as mellores obras de narrativa do ano para medios como Esquire ou Forbes. Creador e coordinador das dúas edicións do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, que se celebraron en 2019 e 2020, tamén deseñou o Taller de Novela Casa Blackie, que imparte en liña e celebra na actualidade a súa sétima edición. Así mesmo, desenvolveu un Obradoiro de Estilo en 2020 en colaboración coa Biblioteca Ánxel Casal de Santiago e a Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21. Antes de dedicarse plenamente á narrativa, foi xornalista deportivo, asesor político e codirixiu a web cultural galega Inorantes (2018-2019). Javier Peña é o director da Residencia Literaria da Cidade da Cultura dende a súa primeira edición en 2021.