As Residencias artísticas do Gaiás - REGA lanzan a súa convocatoria de 2022 na procura de proxectos culturais vencellados a algunha das seguintes categorías: artes visuais, artes escénicas, artes musicais e deseño. Os creadores e creadoras seleccionadas recibirán unha bolsa dotada con 8.000 euros para materializar as súas propostas e realizarán unha residencia de entre tres semanas e mes e medio na Cidade da Cultura. O Gaiás pon así á disposición dos e das artistas os seus espazos, recursos e equipos técnicos para que desenvolvan proxectos, consolidándose como viveiro e motor creativo.
Serán seleccionados como máximo catro proxectos, un deles por cada unha das áreas, e a convocatoria valorará positivamente a ligazón con outras disciplinas non recollidas nas bases, tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual.
As residencias deberán desenvolverse entre os meses de setembro e decembro de 2022. O resultado das mesmas poderá ter unha vertente de investigación, unha dimensión práctica ou mixta, e os proxectos poderán formar parte do programa cultural da Cidade da Cultura de Galicia.
> CONSULTA AQUÍ AS BASES DA CONVOCATORIA <
> NOMEAMENTO DO TRIBUNAL DE VALORACIÓN <
> ACTA RELATIVA Á VALORACIÓN DE PROXECTOS POLO TRIBUNAL DE VALORACIÓN <
> RESOLUCIÓN DE XERENCIA DA CONVOCATORIA REGA 2022 <
Quen pode participar
Calquera persoa física ou xurídica que poida desenvolver residencias de traballo entre tres semanas e mes e medio nos espazos dispoñibles para este labor na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
O proxecto pode ser presentado por artistas individuais ou colectivos galegos, que desenvolvan a súa actividade no territorio de Galicia.
Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha área por solicitude.
No caso de colectivos, poderán presentarse aqueles que xa se constituíron como persoa xurídica, ou grupos de persoas individuais que presenten conxuntamente un proxecto (neste último caso, designarase un representante que será o único interlocutor e perceptor da bolsa).
Dotación
Cada bolsa está dotada cunha achega de 8.000 euros, todos os impostos e gastos incluídos. Ademais da dotación en metálico, a Fundación porá a disposición das persoas beneficiarias en calquera dos catro proxectos, do seguinte:
- Un espazo para desenvolver a residencia.
- Os recursos humanos propios de seguimento técnico de cada proxecto.
- Unha persoa mentora especialista en cada tipoloxía que acompañará cada proxecto.
O pago da dotación económica será en dous prazos; o 80% ao inicio do período de residencia e o 20% restante coa presentación do traballo final ou memoria (que deberá realizarse antes do 22 de decembro de 2022).
Documentación a achegar
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude unha memoria do proxecto na que deberá constar:
- A) Nome do proxecto e identificación da persoa física ou xurídica que desfrutará a bolsa formativa. No caso de colectivos non constituídos como persoa xurídica, na memoria sinalarase a persoa que actúa como representante do colectivo, e que será único interlocutor coa Fundación.
- B) Concepto/idea artística incluíndo referencias ao encadre do proxecto a un dos capítulos indicados (artes visuais, escénicas, musicais ou de deseño), vencello a outras disciplinas e obxectivos que se pretenden acadar.
- C) Viabilidade da súa materialización, tanto no resultado práctico como no resultado de investigación, incluíndo orzamento previsto.
- D) Xustificación da oportunidade na traxectoria artística da/s persoa/s participante/s.
Este documento serve de base para a valoración, polo que deberá reflectir claramente o contido do proxecto.