Begoña Caamaño. Tecendo palabras para cambiar o mundo| Exposición na Biblioteca de Galicia | Letras Galegas no Gaiás 2026

A Biblioteca de Galicia súmase, un ano máis, á celebración do Día das Letras Galegas cunha nova mostra bibliográfica dedicada á figura homenaxeada neste 2026 pola Real Academia Galega: Begoña Caamaño.

A mostra reivindica as dúas grandes facetas de Begoña Caamaño, a xornalista e a narradora, entendidas como parte dunha mesma maneira de observar e interpretar o mundo. No xornalismo, tanto na prensa escrita como na radio, empregou a palabra para denunciar desigualdades, discriminacións e inxustizas. Na ficción, reinterpretou mitos e relatos tradicionais para construír novos referentes femininos e cuestionar os estereotipos transmitidos ao longo do tempo.

A exposición reúne arredor de 50 pezas, case todas procedentes dos fondos da propia Biblioteca de Galicia, ás que se suman tres documentos cedidos temporalmente pola Biblioteca do Consello da Cultura Galega. Entre os materiais expostos hai publicacións que afondan na vida e na traxectoria de Begoña Caamaño, colaboracións vinculadas ao ámbito musical, unha ampla selección de xornais e revistas nas que participou, así como as súas novelas e outros textos literarios. A mostra tamén recolle diferentes homenaxes realizadas arredor da súa figura desde o seu pasamento ata a actualidade, permitindo achegarse ao legado dunha autora fundamental para comprender o pensamento feminista e a cultura galega contemporánea.

As ilustracións da exposición son obra de Ana Santiso, que acompaña cos seus debuxos os libros, revistas, xornais e demais materiais bibliográficos que forman parte desta proposta.

Con esta iniciativa, a Biblioteca de Galicia continúa poñendo en valor o legado das voces fundamentais das literatura galega e convida o público a achegarse á obra e ao pensamento dunha autora imprescindible das nosas letras.