Clásicas desfeitas vol. 4 | «Arte sen guión»

Existiu o teatro medieval en galego? A compañía Galeatro investiga e pescuda en Arte sen guión sobre a posibilidade dun teatro clásico galego do que non existen obras escritas. Partindo do estudo das estruturas narrativas e dramáticas medievais e dos materiais en lingua galega previos ao Rexurdimento, e coas ferramentas da improvisación contemporánea, a comedia e a música, Arte sen guión propón unha nova lectura do patrimonio cultural galego.

Catro comediantes representan as pezas recollidas nun extraño Códice da Idade Media. Arte sen Guión é unha especulación improvisada, unha relectura dun tempo deostado e unha comedia que nos recorda que nin antes eran tan antigos, nin agora somos tan modernos. 

O Xardín Literario (acceso desde o andar -1 do Museo) será o escenario singular no que se representará esta comedia improvisada que bebe das cantigas de amigo e do Códice Calixtino, os días 19 e 20 de marzo de 2022. As entradas para cada función poden adquirirse a un prezo de 10€ en Ataquilla e na billeteira do Museo Centro Gaiás:

  • Sábado 19 de marzo | 18h*. [ENTRADAS] *CAMBIO DE HORARIO
  • Domingo 20 de marzo | 12h. [ENTRADAS]

Arte sen guión conforma o volume 4 do ciclo Clásicas desfeitas, coproducido pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA). En 2022, Clásicas desfeitas convídanos a redescubrir, baixo novas formas e linguaxes, textos clásicos da literatura medieval e renacentistas galega e portuguesa. Un encontro con artistas que apostan por levar o teatro máis aló das táboas tradicionais, ocupando espazos arquitectónicos e naturais para a creación escénica.

GALEATRO

Galeatro é a primeira compañía de teatro profesional de Carballo. Fundada polos actores Tone Martínez e Alba Bermúdez, ten percorrido gran parte dos centros educativos de Galicia cos seus espectáculos didácticos De Leria con Castelao, O Contador de Contos, Contos no Faiado e O Xogo das Letras. No 2017, coproduce xunto co FIOT, o seu primeiro espectáculo de gran formato Muiñada. Esta colaboración afianzouse coa coprodución de Carabela no ano 2020.

Á súa vertente artística hai que lle engadir o seu labor de formación teatral, que no último ano chegou a máis de 200 estudantes. Galeatro nace coa intención de achegar as artes escénicas a un público familiar, contando para isto con dramaturgas galegas vivas coma Ana Carreira ou Paula Carballeira.

Con Arte sen guión, a compañía pretende dar un paso máis achegándose ao público xuvenil e adulto sen esquecer as súas raíces.

Equipo técnico e artístico

  • Miguel Canalejo — Actor / Director
  • Alba Bermúdez — Actriz / Espazo escénico
  • Tone Martínez — Actor
  • Cris Iglesias — Actriz
  • Nacho Martín — Espazo sonoro
  • Anahí Taraburelli — Deseño de vestiario