Visitas didácticas en liña | Curso 2020-2021

Neste curso atípico, o Museo Centro Gaiás proponse continuar a ser nunha ferramenta educativa de primeira orde levando as súas exposicións ao corazón dos centros de ensino grazas ao emprego das novas tecnoloxías. Convértese así no primeiro museo de Galicia en ofrecer a docentes e estudantado visitas didácticas en liña nas que, a través de videoconferencia, poderán coñecer contidos culturais de gran potencial didáctico e tirar o máximo proveito dos recursos que o Gaiás facilita á comunidade educativa.

Este novo programa oferta así unha alternativa ás visitas escolares que o complexo e exposicións da Cidade da Cultura viñan acollendo cada ano ao longo do curso escolar, e que as medidas para frear o avance da pandemia da covid-19 impiden que se desenvolva do xeito habitual.

Estas visitas en liña permitirán o coñecemento polo miúdo das distintas pezas e relatos que se abordan en exposicións de grande interese para os centros de ensino --como Galicia, de Nós a nós-- así como a interacción directa de estudantes e docentes cos guías do Museo.

Galicia, de Nós a nós | OUT 2020 - XAN 2021

As visitas didácticas en liña a esa mostra teñen como principal obxectivo destacar a importancia de Nós na construción da identidade galega. Ademais de visualizar as obras expostas empregaranse outros recursos audiovisuais que servirán para presentar o contexto sociohistórico e sociolingüístico da Xeración e o Grupo Nós. Conectar os protagonistas da exposición coa actualidade e coa realidade da audiencia é outro dos obxectivos destas visitas, que tamén porán en valor o uso das TIC nos procesos de aprendizaxe actuais. O alumnado enfrontarase a sentimentos e emocións a través da pantalla que lle servirán para enriquecer a súa visión da cultura galega.

Galicia, de Nós a nós reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na mostra máis completa e ambiciosa sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles do outono de 2020, no que se conmemora o centenario da publicación da revista Nós. O Museo Centro Gaiás exhibe obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega.

As miradas de Isaac | DO 20 XANEIRO - AO 23 DE MARZO

Estas visitas en liña permitirán o coñecemento polo miúdo das distintas pezas e relatos que se abordan sobre este referente da cultura galega do século XX de grande interese para os centros de ensino, así como a interacción directa de estudantes e docentes cos guías do Museo. Deste xeito, os rapaces e rapazas van afondar da man dos nosos guías un personaxe irrepetible, quen abordou múltiples disciplinas, tanto as relativas ao mundo da arte, como ás do intelecto, ás técnicas ou ás industriais e sacou adiante importantes iniciativas que acadaron un salientable papel no conxunto da cultura galega do século XX. Nestas visitas en liña van coñecer o seu polifacético universo (ceramista, pintor, deseñador, escritor, editor, empresario...) nun percorrido entre obras de arte, obxectos diversos, fotografías, textos, murais, documentos e proxeccións distribuídos en dez seccións.

Propomos dúas modalidades de visita inspiradas en modelos dos medios audiovisuais como Twich ou Youtube:

  • Para os cursos da ESO e Bacharelato, o noso equipo didactico achegará a mostra ao alumnado intervindo en directo e completando o relato con materias audiovisuais e sonoros.
  • Para o alumnado do último ciclo de primaria deseñamos unha aventura interactiva con cada aula, propondo un xogo de pistas nas que sexan os propios escolares os que escollan o percorrido da visita e reunan a información necesaria para completar o quebracabezas da mirada de Isaac.
 
Visitar
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
30 nov 2023 a 28 Abr 2024
Martes ás 17.00 horas
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h
6 Abril 2024
Ás 11.30 horas e ás 16.30 horas